Opinión

Só 50, e axiña por favor

Hai uns días discutían nas tertulias se @s deputad@s do Parlamento de Galiza cobraban moito ou non. E se debían tributar (máis) sobre as cantidades que percibían. A opinión maioritaria era que si: menos prebendas e máis proximidade á cidadanía. Na rúa tamén se pensa isto, incluso iradamente.

Hai uns días discutían nas tertulias se @s deputad@s do Parlamento de Galiza cobraban moito ou non. E se debían tributar (máis) sobre as cantidades que percibían. A opinión maioritaria era que si: menos prebendas e máis proximidade á cidadanía. Na rúa tamén se pensa isto, incluso iradamente.

O PP, dilixente, propuxo que @s deputad@s tributen polo 75% das súas retribucións. Pero a oposición en bloque considera insuficiente a proposta; queren ir máis alá e esixen que a tributación sexa pola totalidade do que cobran, polo 100%. Sexa como vaia ser, o certo é que esta xente vai ser algo máis semellante a tod@s nós.

"Non sei moi ben o argumentario do PP para explicar o seu voto, pero Yolanda Díaz (AGE) mencionou algo da “calidade antes que a cantidade”. 

Pero, atención, onte soubemos tamén que recibirán a cambio unha cativa compensación. Terán que esforzarse menos no debate do estado da nación. A Xunta de Portavoces do Parlamento acordou, cos votos a favor de PP e AGE, limitar a cantidade de propostas que cada grupo poida formular no debate anual máis importante sobre a situación de Galiza e os seus problemas. O límite son 50.

Non sei moi ben o argumentario do PP para explicar o seu voto, pero Yolanda Díaz (AGE) mencionou algo da “calidade antes que a cantidade”. A máis escandalizada semellaba ser Ana Pontón (BNG), que votou en contra, disposta incluso a afondar nos detalles do regulamento do Parlamento para atopar respaldo contra o acordo. A Abel Losada (PSOE), que tamén votou en contra, noteino máis académico, máis de salón.

Amig@s, asáltanme as preguntas, axudádeme a poñer orden neste rebumbio: non se trata de que @s deputad@s dean o callo? non se trata de achegar e abrir as institucións á cidadanía e conectalas cos seus problemas? a cantidade e a calidade son (sempre) incompatibles? non hai máis de 50 cousas que mellorar na Galiza presente?. E, finalmente, por que ten Ana Pontón tantas gañas de currar, non ten vida propia que lle gusta choiar sen fin?

Non me sorprende que isto o propoña o Partido Popular. Vai na súa liña de facer máis cativas as institucións, de laminar o potencial dinamizador e contestatario do Parlamento fronte ao Executivo todopoderoso.

"Non se entende que AGE, que viña rachar co afastamento e ineficacia das institucións en relación aos problemas da cidadanía, concorde cunha medida que recorta as súas propias posibilidades como organización"

Pero non se entende, en principio, que AGE, que viña rachar co afastamento e ineficacia das institucións en relación aos problemas da cidadanía, concorde cunha medida que recorta as súas propias posibilidades como organización, tamén parlamentar. Presentáronse a uns comicios aceptando as normas e participando do xogo existente. Sabían, se non malo, as pexas do sistema e agora van e colaboran para facelas máis asfixiantes. Na rúa tampouco se lles está vendo moito, aparte do uso calculado da figura do seu líder, cun carisma incuestionable e un tremendo rendemento electoral. Algo asombroso.

Repito. É sorprendente que dende certas posicións non se vexa necesidade de propor máis de 50 iniciativas en relación á situación de Galiza nun acto tan central como o do estado da nación. O PP non debe ver necesidade de esforzarse porque o seu executivo o está a facer de cine, postura lóxica. Pero AGE?

E pode haber problemas: se outros colectivos tamén se poñen á cola onde corresponde decidir cargas de traballo vaise armar unha boa, novamente.

A min, que son docente, que me poñan menos alumn@s por aula, menos sesións de clase por semana e me esixan corrixir moitos menos traballos e exames. @s doctor@s en medicina quererán atender menos doentes e operar menos: @s que cheguen fóra da nova “dose” de traballo que esperen na rúa a súa vez, sen manchar o pavimento, aguantando o tirón. Xa miraremos quen queda pola mañá. Por poñer dous exemplos vaia.

E o que máis me preocupa, porque a aprecio: o de Ana Pontón. No caso de Abel Losada inda tal, que son bastantes no seu grupo parlamentar e inda poden repartir mellor as cargas do choio; pero no caso de Ana Pontón, que pasa? @s do BNG, sete e sen asesores (os únicos), non teñen familias nin vida privada nas que dilapidar as “millonadas” que gañan no Parlamento? Están tan tol@s que agora se queixan porque se lles quere reducir o tempo e a cantidade de traballo. O mundo ao revés, amig@s.

Xa máis en serio. Tiven ocasión de ir con alumnado a participar no “Parlamento Xove”: un certame de debate para alumnado de ESO e Bacharelato. Na retórica da organización úsase a idea da aposta pola mocidade como valor de futuro, a capacidade crítica como motor da mellora da sociedade, a apertura de portas e posibilidades para tod@s … e gustáronme moitas cousas da experiencia, pero unha, creo moi significativa, non me gustou nada. Na cerimonia de entrega de premios adiviñade quen falou ao final: a conselleira do ramo e a presidenta do Parlamento. @s rapac@s, para min @s protagonistas, en segundo plano.

"Con decisións así redundamos no descrédito da política como medio para resolver os problemas" 

Se é verdade a retórica de afondar na democracia que experimenten poñendo nas portas do Parlamento unha listaxe para anotar cousas concretas e xerais das que se queixa a xente. Eu diría que se apuntarían bastantes máis de 50 cuestións importantes. Que o fagan, por probar. Pero non … só 50, e axiña por favor.

Para concluír, con decisións así redundamos no descrédito da política como medio para resolver os problemas que herdamos do pasado e gañar un futuro mellor; así promovemos que nos dite alguén as cousas, en base aos seus intereses e antollos. E se non nos convén, á persoa que dita pouco lle vai importar.

Comentarios