xoves 21/10/21

Reforma da reformada Lei Galega de Saúde: saúde ou castigo

Cando o sr. Feixoo, co apoio do seu grupo e en contra de todas e todos, reformou a Lei Galega de Saúde (LGdeS) do 8/2008 coa Lei 1/2018, moitos xa pensabamos que o facía para seguir co desmantelamento do Sistema Sanitario na Galiza e, entre outras cousas, retirar catro áreas sanitarias: O Barco, O Salnés, Monforte e A Mariña, así como impedir a participación cidadá coa non posta en marcha do Consello de Saúde da Galiza e dos Consellos de Saúde de Área. A privatización da sanidade na Galiza seguía a folla de ruta deseñada, dende os tempos en que dirixiu o Insalud e pasou a ser o maior privatizador no país. Dicía o sr. Puy Fraga, en sede parlamentaria, para defender o indefendible, que a nova reforma intentará “cubrir lagoas e carencias da lexislación vixente para loitar contra a pandemia”. E moitos, preguntámonos se o sr. Feixoo leva gobernando 11 anos Galiza, estas eivas débense exclusivamente a el e aos seus gobernos? Ten que deixar de botar as culpas a todo o que se move o seu redor e facerse, dunha vez, responsable das deficiencias.

Que quere facer coa nova Lei? Pretender que a “vacina sexa obrigatoria”: algo, que á parte de inconstitucional, a propia OMS di “que non se debe obrigar, senón convencer”, algo que a Feixoo non lle fai graz, claro. Os seus gobernos, son moi dados a dicir: “imos a facer...” e non a dicir “fixemos”; por que será?

Intentou modificar a Lei de Saúde do Estado español: nin caso lle fixeron, por suposto. E, en troques, volve modificar unha Lei xa modificada, para “sancionar” todo o que él e os seus, consideran sancionable, con multas desproporcionadas e totalmente coercitivas. Se o que quería era aplicar unha “Lei de orde pública en Galicia”, o mecanismo de reformar a LGdeS, non parece o máis apropiado. En 53 páxinas do texto, utiliza a palabra “sanción” 71 veces… A modificación sairá aprobada pola maioría absoluta do PP, pero temos que lembrarlle que pode ser lexítima, mais en ningún caso xustifica o despropósito de modificar a LGdeS só para “sancionar a poboación” que espera dun gobernante solucións aos seus problemas e, dende logo, a xestión da pandemia na Galiza non é un estrago de boa actuación: 1.500 mortes, a metade nas residencias de maiores... e, coma sempre, dirán: “que noutros lugares do Estado están peor”, pero isto non xustifica o que está pasando no país.

Se o sr. Feixoo leva gobernando 11 anos a Galiza, estas eivas débense exclusivamente a el e aos seus gobernos? 

Utiliza a figura de Proposición de Lei presentada polo PP, en lugar de como Goberno da Xunta, para evitar “o informe preceptivo sobre a legalidade, o acerto e a oportunidade” do anteproxecto elaborado. Non parece razoable nin sensato a estratexia de cambiar continuamente a LGdeS, para afrontar de maneira específica os problemas de saúde que se vaian presentando ao longo do tempo. Non establece uns límites temporais na vixencia e aplicación desta “Lei de excepción”, que parece destinada a perpetuarse no tempo. Pretende utilizar a alarma social da pandemia para socavar os dereitos da cidadanía… outra vez!

Escribía eu nun artigo o 18 de xaneiro de 2018: que “... o Sr. Feixoo, dixo no fin de ano de 2018: ‘O modelo sanitario galego garante a unidade, o benestar e a solidariedade, en momentos dramáticos como éstes’”. E non chegara a pandemia! Non é certo o que di, coma sempre, e os feitos o desmenten cos actos dos gobernos do PP. Fixemos a manifestación do 4 de febreiro de 2018 en Compostela, coa asistencia de 40.000 persoas onde lle dixemos ao PP que non queríamos unha nova LGdeS, que prexudique a cidadanía e que si queríamos, e queremos, o desenvolvemento democrático e por consenso da Lei Galega de Saúde do ano 2008.

Para mellorar a saúde das e dos galegos é necesario reforzar o Sistema Sanitario Público (e non de boquilla), convocar as prazas que fan falta, diminuír as listas de agarda e deixar dunha vez por todas de privatizar o Sergas. Potenciación da Atención Primaria, xa. O día 21 de xaneiro de 2021 teremos a xuntanza do Consello Técnico de AP de Galicia. Bo escenario para isto. De Feixoo depende!

Reforma da reformada Lei Galega de Saúde: saúde ou castigo
comentarios