Opinión

Outra volta de torca!

“Un mentireiro nunca cambia, só mellora a súa estratexia”, dito popular.

O día 5 de maio de 2021, aparece en La Voz de Galicia (órgano de transmisión das noticias da Consellaría de Sanidade e do Sr. Feijoo, antes de que as saiban as e os propios interesados), dicindo “que os médicos verán incentivado o seu salario se cumpren unha serie de obxectivos”. Vista a noticia, parece algo positivo para un colectivo que estivo dende o principio da pandemia como primeiro elo dunha cadea que non sabiamos como terminaría. Lida a noticia, aparecen declaracións do sr. Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), autor das estratexias do Sergas para cos traballadores, e o que realmente di a noticia, é: “que as e os médicos, perderán parte do seu salario se non cumpren unha serie de indicadores incluídos no Complemento de produtividade variable (de 1.200 euros ao ano…) que consisten en manter o 60% de presencialidade na atención nos Centros de Saúde e unha lista de agarda, menor de 4 días (incluso para chamadas telefónicas)”. 

Quen é o responsable, nos últimos 11 anos, de elaborar a política sanitaria: recortes, privatizacións?

Coñecida a noticia, os sindicatos, os colexios médicos, as organizacións sociais e de profesionais, a Plataforma SOS sanidade pública de Galicia, a Asociación galega para a defensa da sanidade pública etc. puxeron de manifesto a súa indignación e a súa repulsa por tales declaracións de intencións, dunha Consellaría que só fai enfrontar a poboación cun colectivo que estivo a pé de obra dende o minuto un da pandemia (e con moito custo, incluso en vidas). Pregúntome: quen dita as ordes de actuación das e dos profesionais sanitarios nos Centros de Saúde? Quen fai o desmantelamento máis intenso da Atención Primaria en Galicia? Quen deixa de investir o que a sanidade pública precisa para ofrecer unha asistencia: universal, gratuíta e de calidade? Quen é o responsable, nos últimos 12 anos, de elaborar a política sanitaria: recortes, privatizacións, pago de medicamentos por parte das persoas pensionistas, falta de previsión á hora de ter profesionais que cubran as vacantes doutros traballadores e traballadoras? Quen ditamina que non teñamos suficiente persoal traballador nos Centros de Saúde, como psicólogos clínicos, fisioterapeutas, traballadores sociais, logopedas etc. para poder ofrecer unha atención integral e de calidade e nun tempo prudencial? Quen eliminou a participación cidadá na toma de decisións da estratexia de mellora da calidade asistencial, eliminando o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria? Quen eliminou as Xerencias de Atención Primaria e deixou como órgano de decisión a Xerencia de Hospital de cabeceira de Comarca? Quen eliminou catro áreas sanitarias (recordemos Verín) cos prexuízos ocasionados a esas poboacións? Quen…?

O responsable é o sr. Feijoo e a xente que leva con el todos estes anos, facendo que a Sanidade Pública en Galicia, por moito que a venda (e como vemos faino moi ben), ten unha serie de déficits ocasionados directamente por quen nos goberna. As e os traballadores, sanitarios e non sanitarios, non temos a capacidade de decidir: como, cando, con que medios e en que momento, realizamos o noso traballo. As axendas fanas as xerencias dos hospitais, a forma de traballar (60%-40% agora... e antes só telefónica) ditamínaa a Xerencia da cada área sanitaria, seguindo as directrices dos e das “responsables sanitarias” de quenda. 

Se non fose polos profesionais sanitarios, a Calidade Asistencial sería aínda peor

Levamos catro conselleiros de Sanidade... pero a política sanitaria segue sendo a mesma. 

Teñen as conclusións do Consello Técnico de AP de Galicia dende novembro de 2019; 15 Comisións Técnicas e 208 persoas traballando arreo, que, se a Administración quixese: teriamos xa o Novo Modelo de AP de Galicia... e se investisen o necesario, teriamos un Plan, que beneficie a atención da xente, que acerque as e os profesionais aos doentes, que se faga atención comunitaria, prevención, atención domiciliaria de calidade etc.

Se temos o Sistema Sanitario que temos, é por culpa das e dos que nos gobernan... e eu digo: se non fose polos profesionais sanitarios, a Calidade Asistencial sería aínda peor! 

Ah! E a segunda reforma da Lei galega de saúde de Feijoo: é inconstitucional, como así llo dixemos cando a tramitou!

Comentarios