martes 11/05/21

Falacias

Falacia: “Engano ou mentira que se esconde baixo algo, en especial cando se pon de manifesto a súa falta de verdade”.

Sinónimos: “Engano, mentira, ficción, falsidade, fraude, difamación”.

O día 22 de xaneiro de 2021, o sr. Feijoo dicía aos galegos: «¿Qué más tiene que pasar para decirle a los ciudadanos que después de trabajar hay que irse a casa?» e, á vez: “Temos que salvar o Nadal”. E á vez, os Colexios Médicos de todo o país “piden restricións máis duras”. No caso do de Ourense: “solicítase un confinamento domiciliario dun mes para frear os contaxios (23 de xaneiro de 2021)”. Non se pode estar na misa e repicando. E tampouco facer “oposición” ás decisións de Madrid, só por facer desgaste do Goberno central… prexudicando e confundindo a opinión pública todos os días!

A iniciativa de protexer a economía antes que a saúde está claro que non está dando resultado, nin para unha cosa nin para a outra (excepto para as grandes multinacionais que seguen gañando cartos a esgalla: “Iberdrola aspira a 8.000 millóns de euros en Fondos Europeos”). Canto ben se podería facer destinando eses cartos á xente que de verdade o está necesitando? Ou defendemos a saúde, por riba de todo, ou estaremos meses e meses, ou anos, coa pandemia. A Organización Mundial da Saúde (organismo que aglutina a case todos os países do mundo e que algo de prestixio aínda lle queda) ten que tomar a iniciativa e promover un confinamento total, de toda a humanidade, por un período dun mes, que se aproveitaría, en exclusiva, para vacinar toda a poboación. 

A vacina, debe producirse en todos os laboratorios do mundo, para poder chegar a toda a poboación. estamos falando dunha emerxencia sanitaria a nivel global e non vale o de que un laboratorio ou outro, fagan “o que podan” e cobrar por elo, cantidades multimillonarias. Deben ser todos os países, cada un na súa capacidade, os que elaboren as vacinas: “por terra, mar e aire” e as utilicen xa!

A cuestión económica ten que quedar paralizada durante ese tempo e todos os gobernos do mundo dar as axudas pertinentes nese período de non actividade. Situación factible, pois a humanidade estaría parada case na súa totalidade, os países non investirían os seus orzamentos máis que nos produtos básicos, e así, as persoas vulnerables, poderían subsistir mentres dure o estado de alarma de verdade.

O 17 de setembro de 2020, Feijoo “ve moi perigoso ofrecer os datos por contaxios dos concellos” e o 9 de outubro, a Xunta ofrece os datos de casos Covid-19 activos, por concellos, na súa web.

O 22 de outubro de 2020, di que “apoiará limitar a mobilidade nocturna”, sempre e cando non se chame “toque de queda” e o 15 de xaneiro de 2021, Feijoo é partidario de adiantar o “toque de queda” ás 18 horas.

O 26 de outubro de 2020, di que “é demoledor un estado de alarma que se carga o consumo” no Nadal e en Semana Santa. Máis tarde, o 11 de novembro de 2020, Feijoo apoia que o estado de alarma permita ás CCAA confinar.

O pasado 17 de novembro, o sr. Feijoo desmente Illa e di “que a vacina non chegará ata abril”. Pis ben, o 27 de decembro de 2020 comeza a inoculación no Estado español.

Non falemos dos rastrexadores de Feijoo: 6.200 que logo quedaron en 207… do desleixo en non vacinar a quen non lle corresponde: o de Josefina Fernández e o seu irmán, da DomusVi, é de traca! O de non pedir responsabilidades aos administradores das Residencias de Maiores, despois de 700 mortes nelas.

Temos que ter moito coidado co que se está producindo de Covid-19 positivo en animais: contaxio en visóns americanos (3.100 que foron sacrificados) na Galiza (hai 26 granxas en total). É unha decisión positiva, pero temos que estar vixiantes neste tema.

Outra cousa importante é o que se está chamando “ondas”: agora estamos na terceira, pero é mellor dicir que cando nos confinamos, o número de contaxios baixa de forma significativa; o “bicho” sempre está aí, somos nós, os que llo poñemos máis difícil na súa transmisión ao confinarnos. Máis que onda, o confinamento fai baixar a propia “onda”.

O máis prezado que temos é a saúde: coidémola!

comentarios