Opinión

Baixar impostos: positivo ou negativo. Depende

"A economía do fascismo é unha economía onde as grandes
orporacións quédanse cas ganancias, mentres as contribuíntes
financian as perdas". Murray Newton Rothbard,
economista estadounidense (1926-1995)

Ao flamante presidente do PP do Estado español (elixido "a búlgara") éncheselle a boca dicindo que Sánchez (claro) debe "baixar os impostos". Feijóo, e o PP en xeral, falan deste tema cando é outro o que goberna, pero recordemos que Rajoy dixo o mesmo, e non tardou en subir todos os impostos que puido. Atrévese Feijóo a denunciar que "el Gobierno se está forrando con la subida de la luz y del gas".

Xúntanse moitos factores para que a suba do coste da vida sexa insoportable para as familias, pero tamén é ofensivo que as administracións que deberan poñer os medios para resolver esta crise, non o fagan... e sobre todo o presidente ausente da Galiza, que non fai máis que propaganda e sen adoptar nin unha soa medida a prol da poboación. Temos que recordarlle, que o céntimo sanitario na Galiza sigue vixente (algún día saberemos onde vai destinado este céntimo de cada litro de gasolina...): por que non o quitou Feijóo?

Feijóo é o campión en non pedir transferencias ao estado español: en 13 anos de goberno non pediu ningunha. Podería desenvolver medidas que palíen a situación de crise actual. Hai que dicirlle que os impostos pagámolos para ter educación, xustiza, sanidade, transportes públicos, servizo de bombeiros, persoal funcionario nas diferentes administracións, etc. Si se reducen os impostos, todas estas materias quedan desatendidas co resultado dunha peor calidade de vida. Os impostos, non son para que se forre ninguén. É lamentable que se utilice este tema para facer campaña política de pacotilla e contribuír á promoción persoal. O escoitado nos últimos días é cruzar un límite. Usar a crise actual para promocionarse é inmoral.

No PP-PSOE son especialistas en privatizar empresas punteiras e esenciais: Repsol, Telefónica, Tabacalera (Altadis), Iberia, Campsa, Endesa, etc.

O Déficit Público na Galiza no 2008 era de 3.954 millóns de euros; a 31 de decembro de 2021 elevouse a 11.715 millóns de euros. Xerouse unha débeda de 7.761 millóns de euros, é dicir: se unha familia ingresa tanto, non pode gastar máis do que ingresa, pero Feijóo si. El pode reclamarlle a outros o que non fai para si e endebedarse sen control para satisfacer as súas ambicións persoais. A cada galego e galega tócalle unha carga impositiva de 3.680 euros, cando no ano 2008 era de 1.429. Vaia xestor!

No caso da Atención Primaria, Galiza destina 182 euros por habitante. Segundo o Ministerio de Sanidade, só inviste menos Madrid, 147 euros por habitante, e as Illes Balears, 178. Así, o orzamento para AP é moi inferior ao de Andalucía, 220, ou do País Valenciá, 196 euros por habitante. O orzamento do ano 2022 na Galiza é 178 euros inferior o do ano 2009 cando chegou Feijóo ao poder... e ca que está caendo! Ademais, na Galiza, temos 17 centros de AP por cada 100.000 habitantes, unha porcentaxe cinco puntos por baixo da media estatal.

Mediante a fórmula de financiación público-privada ten que pagar 2.050 millóns de euros ata 2040; cartos que debemos polo Álvaro Cunqueiro, pola Autovía AG-56, a AG-52, a Autovía da Costa da Morte, etc. O goberno Galego deberá pagar en total 13.764 millóns de euros. Insisto, vaia xestor!

A receita de Feijóo de baixar os impostos, supón, no caso concreto da AP, que teñamos menos médicas, menos enfermeiras, menos traballadoras sociais, etc. Se o que pretende é o que está sucedendo, coa "falta de profesionais", non terá todo persoal traballador que necesita; e se non temos recursos para iso a consecuencia vémola nas consultas masificadas con profesionais sanitarias saturadas e extenuadas.

Polo tanto, a redución ou aumento de impostos depende das necesidades de cada momento, pero sempre pagando máis, quen máis ten. O de baixar impostos é unha temeridade... e o gasto en saúde é prioritario!

Comentarios