Opinión

A bosta e Compostela

Estarán a argallar no seu partido unha lei democrática que prohiba o gando vacún nos lindes do Concello?

Leo nos xornais, o nacionalista ABC de Madrid incluído, que o Concello de Santiago de Compostela quer multar un gandeiro, pois seica as súas vacas deixan os seus excrementos nas pistas da parcelaria, eses camiños trazados no seu día ao compás da concentración. O gandeiro é da aldea de Reboredo, na parroquia da Sionlla, que era parte do desaparecido concello de Enfesta, anexionado pola capital de Galicia no ano 1962. Seica as vacas, cando van cara ao lugar de pasto, cagan a eito no camiño, dispensando. E alí queda a bosta.

"O Concello de Santiago de Compostela quer multar un gandeiro, pois seica as súas vacas deixan os seus excrementos nas pistas da parcelaria, eses camiños trazados no seu día ao compás da concentración"

Como o señor alcalde non electo de Santiago de Compostela, o madrileño Agustín Hernández Fernández de Rojas, adoita en público falar galego, aspecto que é de agradecer se temos en conta que o presidente do goberno español Mariano Rajoy, inscrito no rexistro civil de Compostela, nin coñece nin quere coñecer nin o idioma propio de onde naceu, nin sabe pronunciar os topónimos da súa terra, non penso que sexa necesario traducirlle ao señor alcalde o significado de bosta. Saberá que o Padre Sarmiento deixou escrito que procede do latín a palabra, e emparéntaa coa boñiga da lingua materna do señor alcalde.

Por certo, é moi difícil falar do alcalde de Compostela e esquecerse do que están a propoñer as autoridades do seu partido con toda a orquestra mediática que dirixen a bourear a eito que teñen que facer unha reforma democrática na lei para que sexa alcalde o cabeza da lista máis votada, aínda que esta maioría non sexa absoluta. Podemos deixar a un lado que é evidente que con esta medida prohíbese de facto o diálogo entre grupos políticos, e que se non se pode falar para chegar a acordos non pode haber democracia. A parte desta obviedade, que na actualidade sexa alcalde de Compostela o señor Agustín Hernández Fernández de Rojas sen nin tan sequera ser elixido como concelleiro polas persoas que votaron, pois é un exemplo evidente de que o que pretende o seu partido é o poder por riba de todo. Bosta derivará ou non do latín, pois hai quen coida que é palabra prerromana, celta. Mais as propostas do partido do señor alcalde derivan e conducen cara ao autoritarismo, lembran a cultura política da que procede a súa ideoloxía nacionalcatólica española.

É de supor que o señor Agustín Hernández Fernández de Rojas coñeza ben este noso país, pois seica traballou nos anos oitenta como enxeñeiro na construción do encoro que impediu durante anos que o río Xallas ceibase en fervenza as súas augas no mar, que converteu un cadoiro en canos hidroeléctricos, en cartos hidroeléctricos.

"Aínda que no futuro o alcalde de Compostela sexa produto dunha fraude de democracia, e agardamos que isto non aconteza, é de supoñer que as vacas practiquen a desobediencia civil e deiten ceibas a súa bosta nos camiños"

Pasado o tempo, xa no ano 2000, nunha das actuacións surrealistas e de mal gusto do que foi ministro de Franco, e agora estamos a falar de Fraga Iribarne investido como o presidente de Galicia que "inaugurou" que o río Xallas volvese desembocar en salto con horario en fin de semana, como nun contrato-lixo laboral, todos os domingos de doce a dúas. E celebrouno, o exministro franquista, con petiscos para dúas mil persoas. A prensa informou de que tamén houbo tres mil litros de viño na celebración, como se quixesen competir en metros cúbicos coa auga do río.

A presión cidadá e as abondosas chuvias deste noso país conseguiron, por fin, que o río volva verquer ceibe as súas augas no mar, aínda que houbera que esperar ao ano 2012 para poder escoitar a diario o estrondo do Cadoiro do Xallas, as augas a arar con constancia na pedra do Pindo.

É de supoñer que, aínda que no futuro o alcalde de Compostela sexa produto dunha fraude de democracia, e agardamos que isto non aconteza, é de supoñer que as vacas practiquen a desobediencia civil e deiten ceibas a súa bosta nos camiños, ceibas como a auga en abanqueiro do río Xallas facéndose mar.

Ou estarán a argallar no seu partido unha lei democrática que prohiba o gando vacún nos lindes do Concello?

Comentarios