Opinión

"Agrupamentos non, que restan calidade"

"Reorganización do alumnado de dous colexios dun mesmo concello nun só centro educativo. Trátase dunha aposta para mellora-la calidade educativa evitando os agrupamentos de alumnos de diferentes idades nunha mesma aula”. 

Este razoamento foi repetido ata a saciedade polo deputado do PP, que na sesión plenaria do martes 9 defendeu as teses do alcalde e equipo de goberno de Begonte en nome da Consellería chamada de Educación e Cultura.

En 1970, no Libro Branco de Educación, as formulacións pedagóxicas de Villar Palasí eran moitísimo máis avanzadas. As esgrimidas pola Consellería no debate son dos tempos da enciclopedia Álvarez.

Baamonde, situado na estrada Coruña-Madrid, nun tempo posta e cocheira da Carrilana, estación de tren onde paraban tódolos convois, lugar de reparto de mercancía para Asturias, encrucillada vital de trasego comercial. Gando, viaxeiros, madeira, mina de ferro con vial ata a estación... Bulir e esplendor económico.

Daquilo os tempos modernos respectaron pouco, hoxe, coma case todo o rural galego, adormece nun sono inducido que prolonga a agonía.

Un colexio, 30 alumnos. Esa rivalidade que caracteriza un bon número de concellos do país. Neste caso Begonte e Baamonde.

Un alcalde que adormecendo ó raiolo, é un falar, tivo unha brillante idea. Seica o agrupamento de dous ou máis niveis nunha aula é negativo para a educación dos nenos e nenas. E preguntouse na levitación morfeica... Que pintan crianzas de 3 anos cos de 4 e cos de 5 nunha mesma aula?

Pois nada, hai que solucionalo. Traémolos para Begonte e modernizámolos. Cada aula 7 ou 8. Unha ratio mínima pero todos dun mesmo nivel. O soño non lle dou para máis e non chegou a preguntarse... e cando a baixada de natalidade nos obrigue a agrupar en Begonte, que? Salvámolos en Rábade?

E así con este espírito do Padre Astete camuflamos os verdadeiros intereses. Cales? Xa se verán.

E claro, os pais e nais das alumnas do Colexio de Baamonde e os das Anpas con conciencia de ensino público rural montaron en cólera na defensa da cordura e do dereito fundamental da escola próxima. E organizadas, fixéronse notar.

Petaron en diferentes portas e estamentos, e en menos de dous meses fomos vendo como a primitiva idea peregrina foi tomando forma e as primeiras negativas da Consellería do ramo transformáronse en dúbidas oficiais e remataron na defensa parlamentaria altiva do caciquil dunha institución que non ten competencia en materia educativa. 

E o deputado do Goberno deixou o hemiciclo abraiado repetindo unha e outra vez o trasnoitado argumento: agrupamentos non, que restan calidade, a boa pedagoxía razoada na taberna versus populismo.

O que o sr. deputado, que falaba en nome da Consellería, non foi quen a dicir é como pensan salva-las alumnas dos moitos colexios rurais con aulas agrupadas e que non teñen un alcalde iluminado coma o de Begonte.

Comentarios