mércores 05/08/20

Cousas da Academia (VII): O poder da ortografía nunha RAG compostelanizada

Destacamos no anterior artigo o poder da ortografía, o tardío debate sobre este tema no caso de Galicia e a irresponsable cesión das súas competencias normativas que a RAG fixo en favor do ILG. Esta última circunstancia provocou que as normas académicas estean coasinadas polas dúas institucións desde 1982, feito insólito e inexplicable. Por fin, na 23ª edición das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego asina en solitario a RAG na tapa despois dun tenso debate en plenario, negociación gastronómica posterior e supresión do prólogo xa impreso de Méndez Ferrín, presidente daquela. Esto último, naturalmente, non estaba no acordo pero dá valor bibliográfico aos que temos un exemplar daquela edición modificada e nunca comercializada. Sen pretendelo fixeron unha edición rara, non venal, para honra e groria de bibliófilos. Sen querer, algo fan ben.

A historia ventureira desta 23ª edición comeza cando a editorial Galaxia expresa o desexo de reeditar as normas ortográficas esgotadas e coa perspectiva das vendas que puidesen xerar os cursos para estranxeiros organizados, teoricamente, pola RAG. Como consecuencia desta circunstancia procuramos ler o contrato da última edición das devanditas normas sempre coasinadas co inevitable ILG. Non aparece o contrato na secretaría da RAG nin as correspondentes liquidacións de dereitos porque fora asinado exclusivamente entre Galaxia e ILG.

O secretario da RAG diante desta situación negocia o novo contrato demandado pola editorial, o presidente fai o prólogo da obra facendo constar os agradecementos e sucinta historia da ortografía académica. Cando esta nova edición impresa se presenta nun plenario a hoxe presidenta do Consello da Cultura Galega, despois tesoureira da RAG, e daquela directora ou presidenta do ILG, monta en cólera e esixe a retirada da edición para iniciar unhas conversas, a proposta dun académico, ao respecto. Non se chegou a acordo ningún porque a máquina de ocupación institucional púxose en marcha para restituír a dependencia e submisión da institución. Nin que dicir ten que a directora-tesoureira-presidenta é a mesma que debe á RAG unha gramática que leva 20 anos (si, 20 anos!) agardando despois de desembolsar a Academia unha cantidade superior aos 135.000 euros (si, 135.000 euros!).

Se o debate ortográfico lastrou a RAG cun pouso de rancor e hostilidade, non é menos certo que tivo tamén outras repercusións tremendamente corrosivas para a institución. Como consecuencia daquela lamentable entrega ten hoxe a RAG entre os seus compoñentes 14 académicos pertencentes á Universidade de Santiago (7 do ILG+7 do CCG) dun total de 27, quer dicir, maioría absoluta compostelá. Puidera ser irrelevante o dato se non houbese tres universidades no noso país e se non se soubese que os 14, sen excepción, proceden do ILG e do Consello da Cultura Galega. Por suposto que non estamos a discutir os sobrados méritos, que desbordan os meus, que concorren en tan ilustres académicos que poden ofrecer, sen discusión, currículo cum laude, discreción dabondo, tanta que apenas falan, e sensatez desbordante. Conste, como digresión, que poida que teñamos que construír entre todos unha discreción máis activa e unha sensatez (“sentidiño” chámalle o mundo ultraconservador) que se fundamente noutros criterios menos tradicionais; pero isto é un debate á parte. De calquera xeito non nos pode sorprender que en amplos sectores se denomine a RAG como “Academia da Universidade de Santiago”. Urxe descompostelanizar a RAG! Dedicaremos unha mínima reflexión a esta cuestión, que debería ser abordada no seo da institución pero que non se fará e seguiremos pola rutina coaptiva dos amigos e amigas dos nosos amigos, empobrecendo cada vez máis a RAG.

Iten máis, como consecuencia, entre outras anomalías, trasladáronse á capital administrativa de Galicia a mayoría das reunións académicas, alí teñen a sede os diferentes seminarios que componen a RAG e alí traballan unha boa parte dos traballadores da institución e, obviamente, alí se deciden todos os problemas por consenso compostelán que son refrendados dúas ou tres veces ao ano na Coruña, na rúa das Tabernas. No medio desta situación, aniñan anomalías, incumprimentos, irregularidades varias e a dependencia de todo tipo que está a padecer a RAG.

Así, todos os seminarios de traballo, postos en funcionamento por primeira vez, pola executiva de Ferrín, están presididos por membros do ILG, con sede en distintas dependencias de Santiago.

Como sabemos, a finais de 2012 procedeuse ao traslado á Coruña dos traballadores da Real Academia adscritos á Sección de Lingua. Levaban traballando varios anos nunha casa de alugueiro situada na urbanización Brandia, nas aforas de Compostela.

Diversas foron as causas que motivaron o citado traslado: a primeira era aforrar os 19.000 euros anuais do importe do alugueiro cando xa empezaban a minguar os presupostos da Academia. Outra causa era a necesaria reorganización dos recursos humanos da RAG imposta pola dinámica que estaban a coller as distintas Seccións e Seminarios impulsados pola executiva de Méndez Ferrín.

Ata o momento deste traslado todos os traballos lingüísticos da Academia estaban recentralizados en Santiago por mor, probablemente, dunha infausta crenza que considera que a lingua é cousa exclusiva de lingüistas ou a relixión misión exclusiva dos curas cureros. Necesitábase, en definitiva, unha reestruturación que, economicamente, non podía permitir, por exemplo, que unha traballadora estivese a ocuparse de funcións alleas á institución á que pertence e ao servizo dunha única persoa. E tampouco podía permitir, no plano institucional, delegar a responsabilidade das súas funcións normativas en ningún organismo alleo por moito creto intelectual que este tivese. Que tampouco era tanto. Como dicía un capelán dos que andaba a cabalo polas parroquias, ninguén hai tan listo que vise medrar a herba.

Mediante un xeneroso convenio tivemos a oportunidade de reagrupar a todos os traballadores da RAG na Coruña, que pasan a ocupar, despois de demoradas conversacións, un magnífico local de máis de 100 metros cadrados, con sala de conferencias anexa, na cuarta planta da Fundación Barrié no Cantón Grande.

Sorprendeu dende o primeiro momento á executiva que o daquela coordinador do Seminario de Lexicografía non se presentase en ningunha ocasión na sede cedida á Academia para dirixir os traballos en marcha.

Cómpre que teñamos noticia destes feitos porque son, entre outros, a causa da guerra sucia que se desencadeou na RAG alá polo mes de xaneiro de 2013 e que rematou coa dimisión de Ferrín. “Puxérase en marcha o único departamento que funciona con eficacia no poder conservador: a fábrica de fel e vinagre.” As outras dúas patas do banco desta batalliña polo poder e pola ocupación institucional da cultura serán descritas en próximas entregas. Cómpre unha reflexión sobre as tres vacantes que hai actualmente na RAG. Porque serán a chave da calculada deriva estudada nalgún despacho compostelán.

Cousas da Academia (VII): O poder da ortografía nunha RAG compostelanizada
comentarios