mércores 30/09/20

Cousas da Academia (V): As subcontratas e a política cultural da RAG

No primeiro artigo desta serie, publicado en xaneiro de 2019 neste mesmo medio, reclamábamos a necesidade dunha reflexión colectiva para trazar o perfil dunha política cultural para a RAG co obxectivo de rescatar a institución do estado de hibernación no que esmorece desde hai algúns anos. A nosa pretensión era, e segue a ser, poñer o acento no discurso lexitimador dunha estratexia que consideramos errática e oportunista. Con este fin evocamos no presente escrito determinados conceptos, como mullerismo ou feminismo, e aludimos a determinadas institucións, como ILG (Instituto da Lingua Galega) e CCG (Consello da Cultura Galega) que non cuestionan en absoluto o respecto ás persoas e colegas que forman parte deses colectivos e tamén da RAG, por suposto. Do mesmo xeito cando valoramos as homenaxes como conformadoras do discurso académico actual non cuestionamos os posibles merecementos das persoas que os padecen.

A cuestión é que o autor desta colaboración imaxinou, con menos ironía que degoiro, que recibira nestes primeiros días de decembro un convite que dicía así:

O Presidente da Real Academia Galega comprácese en convidalo/a á presentación pública e solemne das obras Gramática galega e Dicionario de Onomástica. O acto de consagración que terá lugar na sede do ILG (praza da Universidade, 4) o 28 de decembro de 2019 será ás oito da tarde. Rogamos puntualidade pola escasa capacidade do local.”

Parabéns, en fin, porque a publicación de obras desta envergadura posibilita que nos sintamos orgullosos de ser galegos, como moi ben ten dito a empresa Gadisa a respecto dos seus produtos. Un orgullo de que se teñan elaborado na capital do país sen axudas foráneas, como tiveron noutros momentos o canal de Suez ou o de Panamá, construídos con tecnoloxías e técnicos internacionais.

Se analizamos agora a convocatoria que acabamos de ler, deseguida nos decataremos da desafortunada elección da data, un 28 de decembro que coincide coa celebración dos Santos Inocentes, o que podería interpretarse como unha brincadeira apócrifa e mesmo suplantadora da institución centenaria.

Pola contra, a expresión “convidalo/a” semella acreditar o envío da RAG, sempre tan coidadosa de ocultar con xestos pseudofeministas, desde aquela rechamante “guerra das cadeiras” (ulas, ubi sunt?), o seu histórico patriarcado. Sorprendente, por outra parte, o emprego da palabra “consagración”, aparentemente absurda para referirse ao acto programado a non ser que se queira expresar a vontade canonizadora, por parte da RAG, das obras en cuestión. Algo comprensible tamén se valoramos as azarosas circunstancias nas que se xestaron ambas. Son, como temos dito, obras encargadas ao ILG pola Academia a cambio de 215.000 euros aproximadamente. Xa que logo, obras subcontratadas por encargo que se van mover nos complexos lindes entre o prescritivo e o descritivo. A nós, coa esperanza de que existan falantes galegos cando estas obras subcontratadas sexan distribuídas, sempre nos quedará, entrementres, a Gramática de Freixeiro Mato, un incansable e sabio filólogo pouco nomeado nos arredores da rúa Tabernas.

Quédanos unha última observación ao convite académico, o lugar elexido para celebrar o acto, a sede do ILG. Temos que ter en conta que hoxe a RAG é unha institución “deslocalizada” que celebra todas as súas reunións de traballo en Santiago excepto os actos oficiais e rituais, e non todos, que se celebran na rúa Tabernas da Coruña. Sempre lembrarei con especial agarimo a reunión da sección de lingua da RAG, celebrada no ILG o 22 de xaneiro de 2019 co ánimo evidente de evitar a miña asistencia. Presenteime alí e din as malas linguas que un membro de dita sección tentou suicidarse botándose polas escaleiras abaixo. Eu sigo pensando que foi un desgraciado accidente. Prometo contar algún día no libro de memorias académicas que preparo o relato desta xuntanza polo miúdo.

Existen precedentes dunha subcontrata desta natureza noutras institucións análogas? Coidamos que non pero todo é posible na RAG grazas á silenciosa unanimidade dun plenario onde, paradoxalmente, abondan os músicos -zanfona, gaita e harmonio son frecuentados por ilustres membros da corporación. Poderiamos dicir tamén que o silencio é tan sonoro que case é linguaxe.

E a executiva, que todo o amaña en Santiago, capital da rexouba, no pórtico do Obradoiro, onde conflúen Consello, concello, cabido e Universidade, evita todo posible debate, hipotética fonte de crispación.

Non obstante a proba máis nidia da falta de diálogo e debate institucional está na orde do día de cada plenario onde todo se limita aos informes do Presidente, tan extenso como baleiro, e demais membros da executiva, aos informes dos xefes de sección, Lingua, Onomástica, Lexicografía, Historia, Sociolingüística, e a uns “rogos e preguntas” finais que apenas posibilitan a intervención marxinal e crítica dos participantes. Por se neste punto se magoasen sensibilidades deron últimamente no recurso, en proceso de experimentación, de votar a posible exclusión de críticas para que non quede constancia do corpo do delito nas actas oficiais.

Esta falta de diálogo e, como consecuencia, de ideas provoca que a RAG se dedique a “zorregarlle unha homenaxe” a todo persoa falecida ou, estando viva, que se mova nos lindeiros dos noventa anos ou teña alguna eiva ou achaque. Os homenaxeados bastante teñen con soportar resignadamente os patéticos recitados que lembran aquelas “flores a María” do rancio conservadurismo católico.

Cumpre, logo, para evitar estes patetismos celebratorios, revisar a política cultural da RAG que posibilite o abandono de estratexias e prácticas caducas, revisar a estratexia editorial, errática e incoherente, coidar a comunicación institucional que, malia a boa vontade e esforzo dos traballadores, adoita presentarse como unha foto fixa que deixa a impresión dunha tutela política totalmente evitable… etc.

E, nomeadamente, aproveitando o prestixio intelectual que proxecta na sociedade, cada vez menor, debe asumir a RAG a defensa do idioma diante das agresión dos sucesivos decretos que se promulgan desde instancias políticas. E preocuparse non somente das decisión políticas adoptadas polo poder político, debe tamén preocuparse de analizar os discursos lexitimadores desas políticas lingüísticas.

E debe protexer os dereitos dos cidadáns que queiran usar a súa lingua en vez de limitarse a velar pola pureza dos escritos oficiais, que atentan contra o seu uso. Xa vai sendo hora de que a RAG se decate de que a política lingüística da Xunta, seguindo as pautas terminolóxicas de Heinz Kloss, móvese, moi calculadamente, entre a represión e a tolerancia diante da resignación ou indiferencia da maioría.

Debe abandonarse dunha vez a lamentable dependencia da RAG do Consello da Cultura Galega e do ILG para establecer con esas institución outros lazos de colaboración máís fecundos. E debe estenderse a relación a outras entidades de recoñecida solvencia como os departamentos de Filoloxía e Lingüísticas das universidades da Coruña e Vigo, AELG ou representantes de editores e libreiros, ampliación que por si mesma axudaría a liberarse dunha abusiva colonización por parte dos devanditos organismos.

Ninguén dubida, por poñer un claro exemplo colonizador, que a postergación continuada da figura de Carvalho Calero forma aínda hoxe parte do discurso académico e proxecta á sociedade a imaxe dunha institución rancorosa que responde a intereses alleos e particulares, os do ILG, responsable directo deste desaguisado malia as propostas que determinados membros do mesmo fixeron inútilmente ano tras ano. Propostas tildadas, por certo, de provocadoras, de insensatas… ata que algún “cráneo privilexiado” se decatou que esta situación magoaba o discurso académico de cara á sociedade. Son consciente do fácil que será vender este párrafo como unha actitude hostil hacia o Instituto da Lingua Galega pola nosa parte. Pois ben, non creo que ningún vendedor de lavadoras estragadas, que habelos hainos, que poida sentir esta tentación, sinta máis respecto que nós polo traballo do ILG, non polos poucos intrigantes aos que dá acubillo.

Como se disimulan estas eivas que derivan nun discurso oficialista e intrascendente e cun evidente déficit democrático? Encriptando a realidade e transmitindo unha información interesada tanto a nivel interno como a nivel público. A nivel interno, demonizando as minorías e calificando as opinión diverxentes como insultos, produto do resentimento, que forman parte dunha estratexia que quere destruír os fundamentos da RAG. A nivel público, simulando, con métodos de sección feminina, un feminismo, máis ben mullerismo, que non dá para ocultar a veta patriarcal forxada en pleno franquismo cando non no mellor filón machista dos seminarios. O feminismo e a loita pola igualdade, tan atractivos para integrar un discurso de futuro, non son compatibles con manobras e intrigas.

Dicía Montaigne nun seu coñecido ensaio ( “A arte da discusión”) que o exercicio máis fecundo, practicado xa nas academias do mundo clásico, é a discusión. E nada entorpece máís o seu desenvolvemento que o unísono. Acordado na sombra, engado eu.

comentarios