sábado 16/10/21

Cousas da Academia IX. Escándalo na RAG: Un presidente que non preside

Dicía W. Benjamin en 1928 que o analfabeto do futuro non sería o inexperto na escrita senón o descoñecedor da fotografía. Era unha idea premonitoria se consideramos que actualmente a fotografía está considerada como unha importante fonte non verbal no universo da documentación histórica. 

Con este mesmo propósito documental dispoñémonos a analizar dúas fotografías, un documento visual, tomadas o día 12 de decembro de 2020 por un autor anónimo, alomenos para nós, durante o acto oficial do Día das Letras Galegas na honra de Carvalho Calero convocado pola Real Academia Galega. Seleccionamos estas imaxes porque teñen unha evidente potencialidade documental e limitarémonos, logo, a tratar de interpelalas para extraer datos de interese que colaboren a descubrir referencias ao espazo, estatus das persoas a través da vestimenta, entorno, ubicación, etc.; sempre co obxectivo de producir significados culturais que non é outro o obxectivo deste tipo de eventos.

Adiantemos a singular significación que ten que a páxina oficial da RAG prescinda deste documento tan frontal como fontal. O borrado desta imaxe tórnase máis expresivo se temos en conta a especial afección, de todos coñecida, que o Presidente, que non preside por certo, ten pola súa propia iconografía.

Que se quere, xa que logo, ocultar, furtar á visibilidade social nun acto público e institucional que ten como obxectivo facerse visible?

Se pasamos á análise do espazo celebratorio, o paraninfo de Xeografía e Historia da USC, semella que a RAG oculta as súas miserias e carencia de discurso nun suntuoso salón de inspiración renacentista malia ser dos primeiros anos do século XX, con columnas abalaustradas que enmarcan portas e fiestras con entablamento decorado con motivos clásicos e inscricións douradas de tipografía romana cos nomes de benefactores e homes ilustres a maneira de vítor e homenaxe. Agradécense estas  letras e adornos porque permiten asasinar minutos de tedio en actos soporíferos. Xa o P. Sarmiento se entretiña lendo as palabras escritas a un lado e outro no altar maior da igrexa de San Xoán de Deus en Pontevedra: deletreaba CHARITAS e HUMILITAS, para combater o tedio que o invadía cando era neno e comezaba a ler.

Espazo noble, pois, o que estamos a percibir, presidido, non polo noso presidente, que non preside, senón por un retablo que acobilla o escudo do Estado español bordado nun tapiz protexido por uns cortinóns que engalanan, coma se dun sagrario se tratase, unha especie de sancta sanctorum de nidia estética relixiosa. 

Se levantamos a vista amósanse no teito as alegorías das Ciencias e das Belas Artes presididas, no centro, pola deusa Atenea, clara manifestación artística de carácter áulico.

A foto que comentamos mostra tamén unha mesa alongada que, xerarquizada sobre tarima, alonxa e solemniza aos que presiden, un tanto distanciados do público. Tamén as cadeiras, case poltronas, situadas nos laterais da mesa distinguen e diferencian do público acollido en butacas en fileira. Todos os sentados aquí teñen como distintivo a medalla corporativa, signo de clase e distinción.

A única nota que menoscaba esta grandeza áulico-académica é a pancarta dedicada ao homenaxeado, nun material plástico que percorre o fronte da mesa envilecendo certamente a pomposa escenografía anterior.

Non deixa de ser un paradoxo curioso que o único elemento escenográfico que rememora ao homenaxeado sexa un cartaz máis propio dunha asociación cultural sen recursos que dunha institución con capacidade para exercer o papel de xendarme normativo da lingua oficial do país. Co doado que sería proxectar sobre unha pantalla unha imaxe fixa ou varias que aliviasen da presenza dun símbolo, o escudo do Estado español, que non ten a máis mínima relación co acto nin cos seus obxectivos.

Polo demais, esta escenografía alleeira e solemne estase a converter na paisaxe habitual dos actos da RAG como consecuencia da compostelanización que está a padecer a institución, uns vinte membros dun total de trinta da mesma son profesores da USC e residentes na capital. Prescíndese unha vez máis do recollido salón da sede da rúa Tabernas ou do cine ferrolán, ofrecido no seu día polo concello de Ferrol.

Pero o máis importante a efectos da nosa análise, está nas tres persoas que ocupan o centro da imaxe  e da mesa e a súa concreta ubicación na mesma. Como resumo, como écfrase maís ben, estiven tentado a utilizar unha metáfora ornitolóxica -“un reiseñor entre dous biluricos”- pero, pensei deseguida na inocencia deses pobres paxariños, tan inofensivos e literarios, como para ser asociados a tan penosa estampa.

Vexamos: estamos diante dun acto de carácter oficial que honra a memoria dun escritor, intelectual, que dá ocasión a unha laudatio por parte da institución convocante, A Real Academia Galega. Este tipo de eventos ríxese por un protocolo, conxunto de regras consensuadas por norma ou por tradición que establecen a forma de actuar. En definitiva normas que determinan unha forma de comunicación e o seu uso correcto dá a coñecer sen palabras a posición, o respecto a unha persoa ou institución.

Pois ben, tal como dicta a tradición e o Real Decreto 2.099/83, de 4 de agosto a presidencia sempre será ocupada pola autoridade que organiza o acto, neste caso a RAG. Sen discusión, sentado por lei e tradición.

Pero, sorpresivamente, o que preside e pecha o acto neste caso que analizamos foi o Presidente da Xunta de Galicia escoltado por dous académicos tal como apuntan as medallas corporativas que lucen as persoas que o escoltan nunha imaxe patética.

Este bochornoso espectáculo é a primeira vez que se produce nos cento catro anos de existencia da Academia Galega: a cesión insólita da auctoritas institucional ao poder político, en definitiva a falta de respecto á institución convocante. A lectura é inequívoca e a rectificación debe producirse en forma de dimisión inmediata. Porque tanto neste caso, como no debate sobre Meirás o discurso da RAG está desnortado por mor da dependencia dos poderes fácticos. Estes poderes e as próximas eleccións presidenciais previstas para marzo decidiron non prorrogar o Ano Carvalho Calero despois de recoñecer unha e outra vez as anomalías conmemorativas e ter recibido adhesión das principais asociación culturais e máis de vinte concellos. Seica non se quería romper unha tradición de 57 anos cando a Igrexa de Roma acaba de rachar con 894 anos de historia prorrogando o Ano Santo de 2021 ata o 2022!

Como dicía Marta Dacosta (Nós diario 28 de decembro, luns): 

 “Semella [A RAG] un organismo esclerótico e insensíbel que se parapeta nunha tradición enfaixada que xa non conecta co pobo galego.

En palabras da propia Xela Arias, tomadas do seu derradeiro libro:

"Alienada morfoloxía dos deberes

tes por gloria a conquista do escaparate.”

Cousas da Academia IX. Escándalo na RAG: Un presidente que non preside
comentarios