domingo 05.07.2020

"Vivo sen vivir en min"

Íntima elocuencia a que personifica este verso teresiano, que nos serve de titular, para interrogarnos nestas circunstancias de estar repregados na corentena e na reflexión sobre demasiados temas inmediatos difíciles de prever e de controlar, que só na etapa post viral, debemos deternos para superar emocións e dosificarnos cunha boa dose de pragmatismo, para ordenar tantas ideas transversais que percorren por esa nebulosa á procura de claridade. “Vivo sen vivir en min”, pode ser unha extraordinaria atracción para verificar en que estado estamos e que determinación escollemos para clarificar demasiados temas e superar o indesexábel, que moitos intentarán impor con métodos e censuras ben regrados en seus invisíbeis e usurpadores despotismos.

A instigación de algúns salva patrias xa voan a velocidade de aguia real e de rapina asegurando que a covid- 19 non vai a reforzar gobernos, aspirando a que actual situación vírica fomente unha hecatombe económica e depoña aos que agora ostentan o poder. Afianzando aos opositores de extrema-muros, populistas e da dereita. Nesa idea de acadar o poder valéndose da desgraza de toda a sociedade, fustrigan con unha diatriba fácil e sumamente perigosa, cando se utiliza un discurso que parece simplista, mais no fondo dese propósito está o simulacro de encubrir seu afán de captar aos desclasados, aos desencantados, aos que están metidos no sumidoiro das inxustizas sociais, na marxinación do desemprego, os que soportan as crises de recesión económica que o propio capitalismo os destruíu con perversas austeridades. Estes son os que verdadeiramente teñen dereito a dicir en sonoros ecos: “Vivo sen vivir en min”. E frear a confusión que os cerca.

Esas dereitas tan estimuladas por ocupar os extremos da intolerancia dando choscadelas de atracción cara os desposuídos dunha vida social digna. Estes son atraídos con cenorias envelenadas para pechalos no Hades bíblico, nese cubil infernal da pandemia fascista que se lucra da covid- 19. Creando consignas e rumores falsos, converténdose en preceptores e instigadores en devorar o sistema democrático. Debilitalo con un discurso fácil e mentireiro, ao estilo clásico do hitleriano Joseph Goebbels, ministro de propaganda nazi. Nese afán de crear un panorama rendíbel e encorchetar na mentira, no alboroto e na pretensión de que a xente volva a desangrarse. Na situación actual, onde o coronavirus impón seu ditame, a el concorren os precipitados apoloxistas actuais de Goebbels, de impor o groso volume de desinformación e utilizando a falsidade para diminuír a información fidedigna e contrastada que emiten institucións democráticas e medios plurais de comunicación, sobre o problema da covid- 19. Ante esta situación, o mellor antídoto contra ese raso alisamento da verdade é o que determina a Ciencia (con maiúscula). Os prestidixitadores, os feiticeiros e os escurantistas que brincan coa política para deshonrala hai que detectalos e vencelos coa ciencia política e co poder da democracia, que ven a ser o mellor antídoto para eliminar maledicencias que tentan impor o fatalismo ditatorial.

É innegábel a frustración que está creando esta pandemia en todo o planeta. Algo de nós derrúbase fronte a tanta mortaldade, e os que superemos este desafío encontrarémonos con outros virus que fará cambiar os nosos hábitos, nosa vida social: Verificaremos certos asañamentos e imperativos dos poderes fácticos, das tramas multimillonarias que dominan as riquezas e aprópianse das forzas produtivas dos traballadores, reducíndolles seus pequenos recursos salariais. Nestas dramáticas circunstancias non podemos renunciar ao soño de conquista, ante estas ameazas, temos que inventar novas estratexias políticas e ser conscientes que a covid- 19 veu a transformar a alta política e cuestionar a democracia e o mundo social mais prexudicado. Este é o que debe alentar a concibir un novo proceso que se encare ás exclusividades que procuran impor mais mediatización e control contra as forza produtivas. Os que cremos e tentamos en potenciar a liberdade, tamén constatamos que o poder de decisión desa forza, tantas veces invisíbel, ese contundente volcán de mulleres e homes, capaces de temperar unha fonda coexistencia de cambiar as cousas, pese á desesperación traumática na que estamos inmersos. Pasamos do soño ao pesadelo, como nos versos do poeta grego, Giorgios Seferis: “Con todo neste soño / dexenera o ensoño facilmente / en pesadelo.”

A covid-19 comeza a descubrirnos e a describirnos a seus aliados de desfeita, eses camaleónicos especuladores económicos que imploran pola manu militare, para domesticar e dominar a millóns de multitudes: os pobres e marxinados do mundo dos opresores. Aí están presentes e en santa compaña os despóticos acumuladores. Estamos nun momento de combater, aínda co silencio clausurado, a un virus letal e, tamén, combater a numerosos virus nocivos que pretenden seguir colocándonos no muro das desigualdades.

Hai poucos días que lin un artigo do teólogo da liberación, o escritor franciscano, Leonardo Boff, en “Religión Digital”, que describe en poucas palabras a situación á que estamos asistindo: “A pandemia actual do coronavirus representa unha oportunidade única para que repensemos o noso modo de habitar a Casa Común, a forma como producimos, consumimos e a relación coa natureza. Chegou a hora de cuestionar as virtudes da orde capitalista: a acumulación ilimitada, a competición, o individualismo, o consumismo, o desbaldir, a indiferencia fronte á miseria de millóns de persoas, a redución do Estado e a exaltación do lema de Wallstreet: greed is good (a avaricia é boa). Agora todo isto está en xaque”.

comentarios