Opinión

Unha visita a Aranjuez

Desde a estación de Atocha os trens de “cercanías” ofrecen ao viaxeiro un rápido e puntual percorrido por calquera parte da periferia de Madrid. Un chega a Pinto e de súbito anuncian Valdemoro e xa Aranjuez, última parada do sur da comunidade madrileña. Douscentos metros de camiñada e os pináculos do pazo real atrae ao viaxante atrevido -no meu caso- e a numerosos turistas. As curvaturas do manso e sereno río Texo definen os enclaves dos xardín e presta auga abundante a todo ese arte-luxo de canles e fontes con estatuas de persoeiros míticos do clasicismo grego-latino. Aí esta a suntuosidade excesiva e arrogante do poder nugallán da estirpe borbónica. Todo alí é sosego só o cantar da auga ofrenda primicias para que nos arrebate do insomnio. Nereidas, harpías, Ceres, Hércules, Apolo, Venus, Neptuno, Baco, Diana, mais deuses e fabulacións  mitolóxicas; arcanos daqueles non tan privados en amores e orxías entre a raíña María Luisa de Parma e Godoy, mentres Carlos IV facía calceta e o Príncipe de Asturias (futuro Fernándo VII) alternaba con turbulenta canallada e con conspiradora servidume polos xardíns do Príncipe.

Este expectante espazo de ambiente versallesco, sobrecargado de marcas luxuriosas e de fraudulentas bazofias, introducidas polo primeiro Borbón, Felipe V, tan dado as redundancias do seu avó, Luís XIV de Francia, clarifican os excesos e os  transplantes que a borbonería trouxo a España. Como mostra colonizadora ou liquidadora dos Austrias daquel real sitio que Felipe II creara.

Cando un pasa por aquel terreiro tan desprovisto dunha indicación histórica que nos informe que nese lugar, nos rentes da capela real de San Antonio, aconteceu o famoso Motín de Aranjuez, na noite do 17 ao 18 de marzo de 1808. Os criados do Príncipe de Asturias lanzaron un ataque, con coitelo, caxato e forcada, -por suposto que non faltaron fusiles- contra os tremebundos húsares de Godoy. Problemas de ambicións e cornamenta sexual. O espectáculo non deixa de ser ridículo e desgraciado polo resultado que tivo en favor da intromisión napoleónica. Toda a insensatez e contubernio acumulando insidias entre os partidarios de Carlos IV e seu fillo Fernando. Abuso de poder e prexuízo de amoríos desembocou no Motín de Aranjuez, alentado polo conde de Montijo principal instigador e partidario do príncipe Fernando contra o amante da raíña e así foi como conde tirou partido do triunfo dos amotinados, os criados de corte, sumándose unha poboación colérica e contraria a Manuel Godoy que o consideraban o verdadeiro rei do rei Carlos IV. O pobo desexaba un cambio que nunca chegaba e deste desexo se lle deu o nome de “desexado” ao indigno e fraudulento Fernando VII, que non tivo pudor en arrancarlle pola forza o trono a seu pai.

O motín de Aranjuez puxo ao descuberto as ambicións daqueles ridículos monarcas con medo ás ideas da Revolución francesa de 1789. Mais este motín beneficiou a Napoleón, que o astuto e ambicioso duque de Berg atou con fíos ben podentes a esas dúas marionetas, que eran Carlos IV e Fernando VII, e as fixo danzar ao seu entoxo. Dous reis ao mesmo tempo, xustificou en boa medida, que Napoleón se fixera dono da situación. Así foi como o motín de Aranjuez consolidou a invasión francesa e, tamén, o principio da Guerra de Independencia do 2 de maio de 1808.

No pazo de Aranjuez está toda esa parafernalia dos Borbón, suntuosidade sen límites; excesos recargados con todo tipo de vituallas que proclaman mal gusto. Certas instancias do pazo imitan a outros hábitats reais de Europa. A decoración deste pazo real ten particularidades que semellan aos pazos de Schönbrunn e de Belverere de Viena. Pinturas do barroco italiano e do neoclasicismo francés. Polos uniformes reais, traxes de voda e outros equipamentos borbónicos. Verdadeiramente  estamos ante un reclamo exaltador da monarquía borbónica.

Comentarios