martes 07.07.2020

Quim Torra

A choza política habitada pola animalidade (o digo no sentido aristotélico, de que o home é un animal político) do desencontro en Cataluña, en momentos tan delicados en que a tensión entre nacionalistas non cesa no goberno compartido polas maiores instancias do nacionalismo: o Partit Democràtic de Catalunya (PDdeCat), antiga converxencia, e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Os períodos preelectorais provocan distanciamentos para posicionarse con súa omnímoda proposta ante o elector. Quizais non sexa ben isto, mais os acontecemento xudiciais contra o president Quim Torra de desposuílo do seu escano no Parlament, sexa un dos aceleradores que precipitan o desencontro. O que pedía o PDdeCat era un imposíbel ante ERC, desobedecer a orde xudicial a non retirarlle a acta de deputado a Quim Torra. Para Roger Torrent, president do Parlament, non era mais que unha frecha envelenada e que non considerou tal proposta. Tendo moi enconta o precedente súa predecesora, Carme Forcadell que, por desobedecer ao alto tribunal está cumprindo unha pena de mais de oito anos. Ante tal situación de non desposuír a Torra da súa credencial de deputado, Torrent viulle as barbas ao bando da xudicatura, non dubidou en deixar a Torra sen escano. Parece que o PDdeCat procuraba aumentar o vitimario que teñen producido as desobediencias en materia de xustiza. ERC non ía tropezar coa mesma pedra no medio dun amplo camiño de longo percorrido.

Os posconverxentes eran conscientes de tenderlle un artificio tracioneiro, mais os de esquerda republicana non caeron na emboscada da temeridade. Torra foi incapaz de desactivar a proposta de desobediencia ao tribunal que, en todo caso, ía repercutir directamente en Roger Torrent. Demasiado disimulo por parte dos gardiáns  dos valores burgueses converxentes, dos que Torra forma parte, aínda que distante das decisións que toma ese grupo incrustado no ideario conservador do pujolismo mais burocrático e despótico, agora transformado a nivel de siglas e pouco mais, coñecidos como os posconverxentes.

Quim Torra non é un político para clasificar no sentido clásico da palabra. É mais un solidario militante que practica unha obediencia sen renuncia ante a elite do PDdeCat. A súa subordinación acaparou respecto dentro do aparello de partido e da militancia converxente. Isto a sabia perfectamente Artur Mas e Carles Puigdemont e nunca trataron de ignoralo. Os acontecementos do 1º de Outubro, en boa parte do proceso, é un produto organizado dunha maneira moi sutil, mais con unha contundencia de alta eficacia, por parte de Artur Mas, o doncel do pujolismo e adiantado corsario de virtuais carreiras épicas. Digamos, o verdadeiro cerebro pensante e estratéxico, moito mais elevado e contundente que so de Puigdemont e Torra. Estes dous estaban na corda ascensional a presidir a Generalitat, por motivos e feitos bastante desiguais, entre un e o outro.

O veto á investidura de Mas como president de la Generalitat, por parte da CUP en 2016, naquela postura intransixente que cumpriu até o ultimo momento de esgotarse o prazo de investidura e a negativa de investir a Mas. Este promoveu a Puigdemont nunha xogada radial que foi aceptado como o sucesor de Mas por parte da CUP. Puigdemont viña dos medios de comunicación mais activos do nacionalismo e como axitador nas filas converxentes, tamén, alcalde de Girona e, por suposto, deputado autonómico. A súa prédica hostil ao nacionalismo españolista motivou un ático parangón de notabilidade. Mais os acontecementos do 1º de Outubro aceleraron a fuxida-exilio do president Puigdemont e desde o seu cuartel xeral de Wuaterloou, sopesou no deputado Torra para dirixir a Generalitat. Puigdemont coñecía ben o percorrido de Torra como obediente domesticado de ter plena fidelidade ao ordeno e mando. Aínda que Torra tiña un percorrido consolidado na acción prestada na Assamblea Nacional de Catalunya e, tamén, no Ònium Cultural, organizacións nada precarias en sustentar o proxecto nacionalista. Tampouco era un descoñecido como escritor, editor e fundador de, “A Contra Vent Editors” e autor do libro: “Viatge involuntari a la Catalunya impossible”. O corrículum vítae de Torra mereceu de  atencións respecto. Así que o 14 de maio de 2018 foi investido president da Generalitat, sinalado para este cargo polo dedo executor de Puigdemont, marcándoo como fiel vasalo de seus plans. O político exiliado sabía perfectamente que Torra non o ía defraudar e menos traizoar, como o lexitimado a dirixir os destinos de Cataluña. Puigdemont non botou mao de distinguidos membros da vella garda converxente, como podía ser a súa mais achegada amiga, Elsa Artadi, moi ben posicionada no partido para sucedelo, mais Puigdemont sabía perfectamente que Artadi é unha política moi pragmática, en contar os tempos e de medir os espazos políticos, capaz de acoutar o seu feudo e tomar outra dirección lonxe dos ditames de Wuaterloou.

Quim Torra é un home de acción cultural mais que un político á vella usanza, aínda que estea indisolubelmente integrado nela, a mostra está nas súas idas e voltas, como presidente da Generalitat a Bruxelas. Todos os seus percorridos testemuñan que o temoneiro do barco é Puigdemont e o seu recadeiro Torra. En todo ese estado de cousas tan anormais e alteradas como as que suceden no ir e vir do procès, non é cousa fácil. Cando os aparellos e os axentes represores, puntualmente agresivos, espreitan todos os movementos de Torras e do seu goberno de cohabitación con ERC. Nesta situación é difícil de cambiar de paso, ou improvisar varios plans de orientación para evitar a excesiva obstinación política e xudicial á que está sometida Cataluña.

A figura de Quim Torras prodúceme certa mágoa por este home sinxelo e de fonda cordialidade cos demais -que eu coñezo desde os seus tempos de editor-, con un carácter que inspira ser froito desa conciencia casuística cristiá, con raíces na tradición catalanista protagonizada polo bispo Josep Torres e Bages, que tanto aportou ao patriotismo nacionalista e contribuíu á formación  ao corpus político da burguesía catalá en súa inspiración relixiosa. Este ingrediente cristián non pode ser esquecido nos comportamentos de Torra. Como así a súa procedencia dun espazo cultural, tradicional e identitario das terras da chamada Cataluña Vella; as terras altas  pirenaicas, ás cuais pertence a provincia de Girona, onde naceron Torras e Puigdemont. Nesta Cataluña Vella encontramos unha serie de acontecementos históricos como as loitas reivindicativas pola liberdade do Principat catalán, como foi a oposición  ao Compromiso de Calpe (1412), por elixir rei a un Trastámara e rexeitar do verdadeiro herdeiro da coroa de Aragón, como era o Conde de Urgell. Esa Cataluña Vella impregnada dun sentimento de pertenza e identidade defensiva, oposta ás intromisións e inxerencias unitarias protagonizadas por Felipe IV e o Conde Duque de Olivares, nos feitos da guerra dos Segadors (1640), Pau Claris, presidente da Generalitat, independizou Cataluña, con unha contundente forza procedente desa Cataluña Vella ou pirenaica. Claris foi un dinámico cóengo de la Seu de Urgell, que representa a idiosincrasia e personaliza o acervo colectivo deste espazo dinámico da actual provincia de Girona.

Neste contexto podemos encontrar facilmente a fidelidade de Torra, en tódolos consensos da tradición, da cultura e da historia, atributos tan negativos para os que pretenden subordinar as aspiracións de liberdade e independencia de Cataluña. Posiblemente Quim Torra sexa lembrado como o peor presidente da Generalitat, destes últimos corenta anos, por ser incapaz de personalizar unha ruta, un consenso e un organigrama capaz de superar as diversas crisis que afectaron a moitos e delicados problemas, maioritariamente vindos das políticas centralizadoras e intervencionistas. Torras foi un home de palla, na Generalitat? Por belixerancia claro que non, tal vez o foi pola súa obediencia aos ditados de Puigdemont.            

comentarios