venres 24/09/21

A pedregada nos viñedos de Chantada e as Administracións públicas

A pedregada que caeu durante media hora nos viñedos de Chantada e O Saviñao, concentrando a súa devastación na parroquia chantadesa de S. Fiz de Asma, o pasado día 16, nunha ampla superficie do río Miño ribeirao, superando aquelas históricas e nefastas pedradas do 10 de xullo de 1949, ademais de deixar sen produción vinícola estragou tellados, matou paxaros e estragou hortas e arboredos. O día de S. Xoán de 1961 repetiuse outra forte treboada con sarabia de grande volume, producindo desfeita na produción de uva, deixando un enorme pesadelo e desalento dos sempre desatendidos viñateiros da entorna, que son os que constantemente humanizan, desde fai centos de anos, os socalcos e as videiras, convertendo estes espazos  nun centro de cultura do viño de Chantada. Estas tres catástrofes naturais deixaron eco en tres tenebrosas datas que a memoria recolle con tristura.

Os nosos ribeiraos ou colleiteiros, ademais de ser uns perfectos artesáns nos coidados puntuais dos viñedos e de seus produtos, son os atentos entendedores da tradición da cultura do viño, que os grandes mosteiros de bieitos e cistercienses tiveron o dominio das ribeiras chantadesas, fertilizando esa esgrevia compostura de permanecer nos saberes que  transmitiron monxes e freiras que tiveron baixo o seu dominio a produción vinícola. Todo un desvelo  do bo facer e aderezar o mellor agasallo que nos brindan os nosos sufridos viñateiros de todos os tempos. Que ollaban con desvelo e contentamento esa frondosa follaxe que cubría os acios e anunciaba unha harmoniosa e frutífera colleita. Bastou media hora para que as videiras ficaron sen folla e sen froito, núas e lesionadas. As súas cicatrices ficarán por longo tempo dando testemuña dese feridor 16 de xuño de 2021. Esas lesións, no tronco e nas varas da cepa, alongan a ferida no sentimento e no debruce en derrota dos sempre desprezados labregos que eu vin con fonda anguria, con rostro en bágoas e perdidos na incerteza. Así ficaron os grandes e pequenos adegueiros como os de reducida produción de autoconsumo, todos eles castigados pola pedregada e sempre ausentes da realidade administrativa que os desprotexe.

Os nosos ribeiraos ou colleiteiros, ademais de ser uns perfectos artesáns nos coidados dos viñedos e de seus produtos, son os atentos entendedores da tradición da cultura do viño

Visibilizar os viñedos de S. Fiz encolle o corazón, mentres o pensamento non dixire esa danza macabra e destrutora da férrea laboriosidade que é incapaz de suxerir comprensión con tan avultado desastre económico. Neste asunto, fixeron acto de presenza representantes de partidos políticos, emitindo comunicados puntuais, o que non sabemos e se mediron puntualmente a dimensión do desastre. Un dos primeiros en comunicar e encomendar compromiso ben regrado foron os concelleiros de Por Chantada CUP, publicado nas  redes informativas e valorando o desastre con pedagoxía e con encomendas ao goberno municipal do PP, nun sobresaínte envite, como se deben realizar as peticións deste desastre e demandar subvencións ás institucións competentes. Non dirá o grupo de goberno municipal de Chantada que a oposición non colabora e só está para por atrancos. Polo lado do BNG, Ana Pontón sinalou puntuais afirmacións de levar este desastre ao Parlamento de Galiza, demandando que se declara zona catastrófica para incentivar aos colleiteiros que perderon a súa produción vinícola. Despois do manifesto da portavoz nacionalista, en sinalar varios aspectos humanos dos que traballan e coidan das viñas e da paisaxe, facendo da Ribeira Sacra un dos espazos onde a presenza do esforzo patrocina suculentos produtos, vencendo adversidades como a que están soportando os ribeiraos chantadeses.

Non vale que os políticos estean no lugar do drama para a foto e para os medios de comunicación e domesticación que eles dominan

O BNG local emitiu unha información sobre os danos producidos; o líder socialista, Gonzalo Caballero, fixo acto de presenza nos viñedos destruídos; o PP enviou ao conselleiro de Medio Rural para avaliar os danos dos espazos das grandes adegas que son as produtores dun enorme volume de viño que dan pulo a unha economía concentrada nestas ribeiras. Mais non esquezan aos medianos e pequenos produtores que dan sustentabilidade a unha produción -moitos deles ecolóxica- que sempre son os mais castigados, non só por estes desastres senón polas administracións que desenténdense destes produtores, cuxo esforzo non é valorado equitativamente en súa debida proporcionalidade. Nestes casos, preguntámonos: onde está a presenza das Administracións Públicas? Non vale que os políticos estean no lugar do drama para a foto e para os medios de comunicación e domesticación que eles dominan. 

Houbo comunicados moi positivos sobre este dramático escenario, os que sempre están nunca fallan, os outros bocexan do longo sono da inoperancia. Nesta dirección, notamos a preguiza do grupo de goberno municipal de Chantada, como sempre, presidido polo alcalde e senatore que foi incapaz de emitir un comunicado de urxencia sobre esta catástrofe. O rexedor municipal sen moverse do pupitre de aprendices do Senado, celoso polos ínclitos deberes patrióticos nacionais. As cousas que o señor Varela pode considerar como miúdas, son as máis importantes para o municipio que el pensa que goberna. Estes deslices conforman un inventario sumarísimo para escribir unha lamentábel crónica de pintoresca mediocridade.

A pedregada nos viñedos de Chantada e as Administracións públicas
comentarios