venres 10.07.2020

O pecho dunhas eleccións abertas

O 2020 non deixa de ser unha ano de graza e desgraza. Asistimos a estes aconteceres pandémicos dunha maneira tráxica e universal, que nos fai estar pendentes de tantos estrangulamentos que, en boa ou mala hora, sentenciarán o noso destino dunha maneira súbita con tráxicos acontecementos, non apocalípticos por suposto, como anuncian os que pescudan as accións maléficas de Belcebú. As forzas do ben capitalista contra o longo e inxenuo inventario das forzas do mal satánico inexistente. Nesta aventura vírica boa parte da nosa vida está suxeita a descoñecidas mudanzas que a traxedia anuncia en dous amplos estadios de desfeita socio-económica, que a nivel individual afectará a millóns de desposuídos, xa ensumidos na inopia. Sen suxerintes alternativas para redimilos desta desfasada catástrofe. Mentres os que teñen o dominio dos poderes económicos, as “forzas do ben”, están a salvo.

Os galegos, ante a desgraza, estamos nun ano de graza polo tempero de ter eleccións autonómicas. Para a cidadanía, o período electoral, non deixa de aportar esperanza e intentar cambiar as cousas e os modelos de comportamento dun sistema enviciado en tantos desordes no que se empoleirou sen escrúpulo. Mesmo un ano de graza, porque ben a potenciar un solemne acto democrático que é o de decidir comunalmente, por elección individual e intransferíbel dos persoeiros que desexamos que gobernen. Froito e ímpeto da nosa liberdade democrática. Se verdadeiramente temos o sentido do que é a democracia e facémonos asistir por ela, estamos nun período de facer valer o noso voto, para que o pecho cambie de lugar e as portas dunhas eleccións sen forzalas, fiquen abertas para osixenar eses catro anos que pecharon os catro frontais xeográficos de Galiza. Catro anos ben cercados de temeridades e de desfeitas dos sectores primarios da nosa economía. Este retraso estivo alimentado por estratexias dependentes dun poder centralizador e por unhas pautas de singular obediencia á homoxeneidade estatalista.

Non pensemos que o goberno do señor Núñez Feixóo obedece a algo fortuíto. El é o perfecto e dócil intermediario das forzas estatais, representadas polo PP, na madrileña rúa de Xénova. O verdadeiro canle de transferencia cara os poderes económicos e financeiros no que Galiza ostenta unha innovada “doma e castración”, moito mais sofisticada e oculta que a que suxeriu o cronista, Xerome Zurita, no século XV. O baremo da actual submisión neocolonial manifesta en Galiza visíbeis desconcertos na emigración que afecta a unha xeración moza, que carece dun posto de traballo e de convincentes estruturas industriais, laborais e de ensino. O señor Feixóo non potenciou estruturas para frear este éxodo que asiste á nosa mocidade. As infraestruturas do longo período do actual presidente autonómico non existiron; nin tampouco ás necesidades implorantes que precisan certos sectores produtivos. En todo caso, aportou pequenos e ocasionais remendos en reducidos espazos que precisaban de innovación, para poder competir con aqueles que hai anos non foron reformados, sobre todo, nos sectores industriais, agrícola-gandeiro, pesqueiro, etc.

As incertezas do cabaleiro andante, D. Alberte, o de minguado xuízo e traxectoria, suponse, notamos a faltar seus diagnósticos para poñer cura a tanta desolación. As xustas ocorrencias metafísicas de D. Quixote, continúan advertíndonos de moitos estragos que causan certos e localizados políticos. Ilustrativa e vixente pedagoxía deste impávido cabaleiro para mudar vetustas ideas e comportamentos por outras que velen e proxecten o ben público. A Galiza actual respira inmobilismo gobernativo, debido ao parasitismo político de prolongada vocación especulativa. Por iso é que a responsabilidade de votar precisa dunha reflexión profunda e comparativa de como estamos os galegos e como están outros. Verificando a desmedida e a desproporción na que nos encontramos, o voto, non deixa de ser ilusión progresista, esperanza e concreción de proxectos para mudar o que fica parado. Normalizar e modernizar o noso país, sempre será un indicativo de que a nosa sociedade vela e fomenta por eficientes procesos materiais. O voto non deixa de ser unha obriga cívica no contexto dunha demanda ética e democrática.

comentarios