martes 29/09/20

Conspiración de concelleiros

En concretos concellos da provincia de Ourense non cesan os subornos de uns e as conspiracións de outros contra os seus propios electores que apostaron por unha oferta política determinada. Neste caso, viuse afectado o BNG. Alén da indignidade e da repugnante insidia que producen estes persoeiros, tantas veces metidos no estándar político da corrupción que producen as políticas do PP, cuxa flor de lis das tramas ostenta a saga Baltar, desde o seu intrépido feudo de malfeitorías na provincia de Ourense. Son fáciles de describir continuados affaires que distinguen e destacan a corrupción nesta provincia, no que leva a pór en dubida o modelo de normalidade democrática do Estado español baixo o espírito corporativista que encarnan eses comportamentos primitivos do bipartidismo.
 
Os concellos de Ourense continúan ofrecendo espectáculos inauditos, con actores tan obscenos como grotescos. O pésimo nivel, desta cadea de sucesos, exixe unha innovadora ética política, da que carece unha democracia actualizada. Mentres predominen e permítanse estas  exhibicións de variedades especulativas, tramas e conspiracións que, puntualmente, ocupan as primeiras páxinas dos xornais e dos informativos, servíndonos en destaque o mercado ilícito de amaños co fin de apoderarse de corporacións municipais, con métodos de compra e de favores que reciben os corruptos, os tapados e os infiltrados que persisten en mover fichas no taboleiro das conspiracións. Mesmo, sendo consentidos e apoiados este tipo de fraudes pola dirección política do Partido Popular.
 
Nun período de dezasete anos houbo na Galiza cincuenta e nove mocións de censura, todo un récord promocionado polo PP, e moitas das veces auxiliado polo PSOE. Este tipo de vileza móstrase nas últimas semanas en Castrelo de Miño e Viana do Bolo, contra a gobernabilidade do BNG nestes concellos, cos apoios tránsfugas do Partido Socialista. No caso de Castrelo, o PP tentou a mais concelleiros socialistas a picar o anzol do transfuguismo, como puidemos constatar nas declaración e denuncia dunha concelleira socialista que foi subornada con oferta monetaria e un posto de traballo na Deputación de Ourense.
 
Non cabe dúbida de que hai persoas honradas en política e con carácter insubornábel. Que teñen honestidade e non entran na tentadora maraña dos Baltar, que desde a súa estratexia posiciona aos concellos da provincia de Ourense, noutras tramas de estraña mobilidade. O que non se gaña nas urnas conquístase por suborno, esta é a versión do que acontece en Ourense. As coartadas e as tácticas corruptas en uso, están baixo rexistro e conformidade do señor Núñez Feijóo.
 
A operación en curso de despoxar a Jácome da alcaldía de Ourense, ese perverso persoeiro que acumula todo un bastión de intolerancia, practicando e compartindo o acedo costumismo do PP, que expresa nun escenario máis típico dunha ditadura que dunha democracia. Parece que lle chegou o seu S. Martiño, coa trama, nada secreta, de defenestrar a este impúdico alcalde. Contando con seus propios concelleiros que, supostamente, entran na oferta mercantilista de cargos e prebendas que ameniza o PP ourensán. Velaquí o perfil axeitado que precisa o dito partido. Agora o ten en bandexa por parte de certos membros do grupo consistorial de Jácome.
 
A caída deste depredador político é evidente, mais a indecencia continúa en ambos lados. A grotesca situación de Baltar e que procura abeiros na oposición municipal. O BNG non entra nesa guerra de avales entre corruptos. Esa moeda de dúas caras está representada polo poder do presidente da Deputación de Ourense e pola miserábel tentación e ambición do lumpen que o rodea. Os políticos da dereita en Ourense continúan a escalada polos excrementos das latrinas putrefactas da perversión, do suborno e do delito.         

comentarios