Opinión

Antía Cal

O pasamento de Antía Cal Vázquez (1923-2022) crea no noso país certa conmoción de lutuosa, ao redor dunha enorme muller que nos deixa un legado pedagóxico ateigado de referencias humanas, cívicas e culturais. Unha traballadora que deixou pegada no ensino en galego xunto a seu marido Antón Beiras, coñecido e destacado oftalmólogo, conectado co galeguismo de esquerdas. Os dous coordinaron seus esforzos por conquerir un espazo para o ensino en galego, nun tempo escuro baixo o ditame fascista. Unha iniciativa perigosa na que o matrimonio correu certos riscos. Antía foi unha adiantada a seu tempo, protagonista dun interesante labor de procuras por varios países europeos para coñecer os niveis pedagóxicos, establecidos en liberdade e democracia. Eses contactos en círculos de persoas dedicadas ao ensino, ademais de valedoras para asentar as correntes escolares e universitarias na Galiza, repercutiron na visibilidade que Antía Cal fomentou no idioma galego, coas limitacións impostas pola ditadura que estableceu un ensino mediocre, escurantista e uniforme en todo o Estado español. Fronte a eses ditames estaban os plans integradores do libre ensino e en galego. Os plans pioneiros de Antía Cal tiveron repercusión, asentando as bases de reconstrución e normalización do idioma galego.

As iniciativas emprendidas polo matrimonio Beiras-Cal, no libro común que eles escribiron: “O Arte e súa Historia”, publicación facsimilar de Edicións Laiovento (2017) mecanografado en cuartillas, con fotografías e ilustracións de Seoane, foi unha aposta pola visibilidade histórica e conceptual da arte galega no contexto universal. Unha enorme prenda enciclopédica que a todos sorprende por ser elaborada con enormes recursos identitarios en tempos borrascosos. Outra das obras fundamentais de Antía Cal é “O Libro dos Nenos”, publicado pola Deputación de Lugo (2018) outra enciclopedia transversal da xeografía galega e universal, que rompe coa escola e a escolaridade omnímoda do franquismo.

Antía era licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago, mais a percepción que tiña sobre estas dúas materias, acadaba outros parámetros de investigación e posición que practicaban as universidades europeas. Con todas as dificultades estáticas que arrepiaban aos que abrían innovacións, Antía Cal creou e sustentou a Escola Rosalía de Castro en Vigo, fundamentada nun formato novo que respondía ás necesidades e modalidades contraídas co alumnado e, mesmo, coa sociedade en xeral. Apostando pola liberdade de expresión e polo feminismo. Antía marcou unha época que deixou imborrábeis  sinales de fidelidade a Galiza. Como a liberdade de expresión e a igualdade de xénero.

Foi unha persoa de excelentes vontades en abrir amizade e diálogo, co seu sorriso de  impacto e cargado de harmonía social.  Foi así como eu a coñecín no Festival de Pardiñas, onde ela asiduamente concorría a ese encontro patriótico e de plenitudes libertarias, populares e culturais. Naquela ocasión, estábamos nunha desas casetas de comes e bebes, Avelino Pousa Antelo, Pepe Neira Vilas, David Otero e servidor. Chegou Antía e pediu unha bebida, sacou o moedeiro e pagou a dos catro. Foi unha actitude feminista e igualitaria que me sorprendeu enormemente, nunha muller desa idade, con ese comportamento de apertura e nese círculo masculino. Algo comentei con Pepe Neira, este respondeu que era Antía Cal, de pronto entendín que estaba ante unha das grandes mulleres que mobilizou benquerenzas polas liberdades das mulleres na nosa nación. O escritor de Gres presentounos e tivemos unha longa conversa. Á vez, Antía presentoume a Esperanza Lema Bouzas e a Carmen Carmiña Álvarez de Soutomaior, dúas indispensábeis mulleres en ampliar irmandade e diálogo en festa grande. Tan intimas e coidadosas con Antía Cal. O Festival de Pardiñas, creado e sostido por Alfonso Blanco Torrado, ten ese soporte de encantadoras achegas de fraternidade, que marca un antes e un despois de amizade entre persoas, para celebrar e conmemorar eventos ao redor desta enorme pedagoga que nos deixa fisicamente, non o seu espírito creador. Esperanza Lema, na súa casa de Vedra, organizaba cada 18 de abril, día do cumpre anos de Antía, unha festa de fraternal convivio en honor da nosa mestra.  Alí chegaba Carmén Carmiña collendo do brazo a Antía Cal sorrideira e evocativa, con seus noventa e tantos abriles ás costas, evocando esperanzas de porvir no contentamento da irmandade. Antía non se foi, fica na prolongada memoria das persoas e das cousas que ela creou e defendeu. Loada sexa!        

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.