Opinión

Citas médicas con retraso

Se hoxe pido unha cita de medicina de familia, tería que agardar 11 días para ser atendido por teléfono. Para receitas, 7 días. Unha espera longa, mesmo en tempos de pandemia.

Trátase dun servizo básico. Para pagalo retráese da nómina bruta un 28,30% (23,6% empresa máis 4,7% empregado). Quer dicir que dun soldo bruto anual de 14.000 euros en 14 pagas, o custo da protección social, ou continxencias comúns, ascendería a 3.303,96 euros aoano. Unha boa suma á que se engade a que custea as continxencias profesionais e os tributos que, vía orzamentaria, afortalan o sistema.

O esforzo paga a pena pois, xunto coa Educación, que avoga na igual formación de todos, investir na Sanidade Pública é a mellor garantía fronte á enfermidade, a invalidez ou a vellez.

Se a cita fose para especialista, malia que a estatística oficial nun área como a de Vigo fala de 41 días, en servizos ordinarios como Dixestivo, Traumatoloxía ou Rehabilitación o retraso pode superar os 6 meses. Unha demora esaxerada.

Para facer unha queixa ante tal prexuízo para o paciente, cómpre ter diante varias normas, en particular o Decreto 105/2017, de 28 setembro, en relación coa Lei 23/2013, de 9 decembro, sobre prazos máximos de acceso ás prestacións e garantías nos procesos patolóxicos que nela se relacionan. 

Pode usarse a aplicación telemática Queres, ir ao centro de saúde ou acudir á Inspección médica. De vir denegada, cabe recorrer á Xerencia de Xestión Integrada da Área Sanitaria ou á Delegación de Sanidade.

Con moita probabilidade a resposta vai ser que se observaron os parámetros fixados e que unha cita médica, ou a contestación á queixa, non ten carácter de acto ou resolución administrativa (Art. 19 do RD 951/2005, de 29 xullo) e que, por tanto, non caben máis recursos. Aínda así, pódese tentar o de alzada ante o Conselleiro de Sanidade. O máis seguro é que a cita acabe sen moverse.

Cabe finalmente buscar amparo na Xustiza? Convén ter presente, por exemplo, a Sentenza 2/2017 do 11/01/2017 do Xulgado CA1 de Vigo que, como causa de inadmisión, sinala que unha cita médica non é susceptíbel de impugnación conforme o art. 116 LPAC, pois a petición non acada substantividade de reclamación administrativa para acodir en amparo xudicial.

En resumo, deixando a salvo a vía dos danos e prexuízos, a acreditar, ante as citas con demora non hai mecanismos abondo de control alleos ao órgano que as establece.

As atribucións do Sergas van a máis. Os deberes dos pacientes tamén. Sirva de exemplo a Lei 8/2021, de 25 de febreiro. Non sucede o mesmo coa dotación de normas efectivas de protección do dereito a unha atención efectiva e sen demora.

Tempo hai que os sanitarios veñen denunciando a grave deterioración da Sanidade pública. Talvez presentar queixas ante grandes retrasos non dea suficiente resultado, pero é vital deixar constancia para impulsar un cambio de modelo que incorpore máis medios.

Comentarios