Opinión

U-la Real Academia Galega?

O 20 de abril de 2013 houbo eleccións na RAG despois da demisión do anterior presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. Nas eleccións, por unha diferenza mínima de votos, Xesús Alonso Montero foi elixido novo presidente da Academia. 

O 20 de abril de 2013 houbo eleccións na RAG despois da demisión do anterior presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. Nas eleccións, por unha diferenza mínima de votos, Xesús Alonso Montero foi elixido novo presidente da Academia. Ata esa data, a RAG do anterior presidente, a maiores do seu habitual e esperable labor de estudo e divulgación das nosas letras, sobranceara por dous feitos moi positivos:

"Os que desde o primeiro día querían ver fóra da presidencia da RAG un Méndez Ferrín institucionalmente belixerante contra o Decreto, despregaron toda unha batería de recursos mediáticos para o conseguir".

1.- Por unha maior presenza e implicación social, e nomeadamente pola presentación de varios recursos nos xulgados contra o glotocida “Decreto de Plurilingüismo”, texto redactado por sociolingüistas afectos e imposto manu militari polo goberno de Feixó. Nestes momentos, despois da parcial vitoria no TSXG coa derrogación (incumprida) de dous artigos capitais, o da RAG é o único recurso contra o Decreto que segue en pé ante o Tribunal Supremo de España.

2.- Pola incorporación da RAG ás novas tecnoloxías coa modernización e actualización do seu sitio web; a modernización da comunicación coa sociedade; a posta en marcha de aplicacións para descargas do dicionario en dispositivos móbiles; e, sobre todo, coa creación da páxina chamada “O Portal das Palabras”, elaborada polo Seminario de Lexicografía so a presidencia de Méndez Ferrín e inaugurada polo seu sucesor, Alonso Montero.

Os feitos convulsos vividos nos meses previos á demisión do anterior presidente son ben coñecidos. Méndez Ferrín escusou dar explicacións sobre algunhas actuacións pouco comprensibles en materia de persoal que, como logo se informou na prensa, eran as habituais na institución, pero non eran ilegais, e os que desde o primeiro día querían ver fóra da presidencia da RAG un Méndez Ferrín institucionalmente belixerante contra o Decreto, despregaron toda unha batería de recursos mediáticos para o conseguir.

"Hai uns días –por fin– emitiu un comunicado sobre o tema das certificados universitarios non admitidos en Madrid por estaren en galego, pero só falou despois de que se pronunciase o conselleiro Vázquez, non antes"

É incontestable que desque entrou a nova executiva a RAG perdeu peso e visibilidade social. O novo presidente dixo que a RAG estaba a traballar máis ca nunca, e haberá que crelo, pero a maioría dos correspondentes só recibimos convites a actos protocolarios e non a ningunha reunión, nin de traballo nin no seu día de presentación da nova executiva -como dixo o presidente que iría facer ao pouco de ser elixido. Hai que ter fe e crer que na sala de máquinas da RAG todo vai avante, pero a sociedade non ve que o barco se mova moito.

Nestes seis meses a RAG visibilizouse por algunhas xeiras (Pardo de Andrade si, pero a Roberto Vidal Bolaño vaille dedicar inexplicablemente só unha xornada e non un congreso, como se fixo todos estes anos co homenaxeado cada 17 de maio), pola elección da persoa a quen se lle vai dedicar o Día das Letras e pola entrada de dous novos numerarios e dun académico de honra. É certo que hai uns días –por fin– emitiu un comunicado sobre o tema das certificados universitarios non admitidos en Madrid por estaren en galego, pero só falou despois de que se pronunciase o conselleiro Vázquez, non antes, cando o tema xa levaba fervendo varios días na prensa e nas redes sociais.

Neste último medio ano a RAG fíxose visible cando máis quería ser invisible, fíxose notar polo seu silencio sepulcral en diversos temas conflitivos para o goberno da Xunta, fundamentalmente no tema do recurso de casación contra o Decreto de Plurilingüismo.

"Fíxose notar polo seu silencio sepulcral en diversos temas conflitivos para o goberno da Xunta, fundamentalmente no tema do recurso de casación contra o Decreto de Plurilingüismo".

O 20 de outubro sóubose pola prensa que o Tribunal Supremo admitira a trámite o recurso de casación presentado pola RAG (cando aínda Méndez Ferrín era presidente) contra o Decreto. Esta magnífica noticia pasou propositadamente desapercibida para a maioría dos medios galegos e a RAG -inexplicablemente-, non emitiu ningún comunicado nin valoración, nin deu unha rolda de prensa felicitándose por tan importante suceso xudicial, e aínda a día de hoxe non comunicou esta nova nin na súa web. Se o Tribunal Supremo achou que hai materia para estudar este caso, hai unha mínima esperanza de que á RAG lle dean a razón, e coa RAG, agora escudo noso, que nos dean a razón a todas as persoas que queremos vivir tranquilamente en galego.

Nun xornal dixital mesmo apareceu o texto inicial deste recurso de casación cando na web da RAG non apareceu aínda nada, nin o texto inicial nin o texto final do recurso. Silencio absoluto. A propia Xunta dixo que recorrería a admisibilidade do recurso da RAG, pero a Academia non dixo nunca este recurso é meu.

A Xunta ficou totalmente contrariada, ao igual que algúns xuristas habituais das columnas de opinión, porque os recursos de casación que admite o Supremo son mínimos e por tanto eran mínimas as posibilidades de éxito do recurso da RAG. Non contaban con isto. E a RAG de Alonso Montero moi sorprendida, como todos os galegos, en vez de reloucar de ledicia porque o recurso aínda está vivo e aínda existe unha esperanza de derrogar o Decreto do disenso, cala, cala inexplicablemente. U-la RAG ?

"Onde está a nosa Academia? Por que non dixo nada da LOMCE nos pasados meses de debate social sobre o tema e -agora que xa foi aprobada- o Presidente di que a RAG se vai manifestar a proposta dun académico?" 

Por que este silencio? 

A RAG tiña que estar transmitíndolles ás galegas e galegos que amamos o noso idioma unha mensaxe de esperanza e, en vez diso, prefire calar. Aquí hai cousas que fan pensar mal a moita xente e xa hai quen apunta a unha certa connivencia de membros da executiva da RAG coa Xunta de Galicia. Onde está a nosa Academia? Por que non dixo nada da LOMCE nos pasados meses de debate social sobre o tema e -agora que xa foi aprobada- o Presidente di que a RAG se vai manifestar a proposta dun académico? Non se lle ocorreu ata agora a ninguén da directiva da Academia (como fixo publicamente o Institut d'Estudis Catalans, por exemplo) que había que se manifestar en contra dunha lei recentralizadora que atenta gravemente contra o galego e as outras linguas minorizadas do Estado?

Eu nada espero das persoas que sempre viviron e viven comodamente á sombra do poder e en complicidade con el, sexa cal for este poder, por iso quero oír o presidente da RAG, o meu vello profesor Xesús Alonso Montero, manifestándose con claridade á fronte da súa executiva sobre todos estes temas, porque nada do que lle ocorra á nosa lingua fóra dos muros da rúa Tabernas 10 ou do pazo de Raxoi lle pode ser alleo.

PS: Na hora de entregar este artigo leo nun xornal unha noticia, de entrada, moi desacougante: a RAG vai emprazar toda a súa Sección de Lingua cos seus seminarios na Cidade da Cultura.

Comentarios