Opinión

Día da Patria 2023

Como tódolos anos despraceime dende Euskal Herria a Galiza para celebrar o grande Día da Patria. Eu son galego de nación, euskaldún de adopción, galeuzcano por vocación, solidario por convicción e español por imposición. Levo asistindo sen interrupción aos Días da Patria dende 1970. Só faltei en 1999 e 2003 por mor da doenza da finada miña filla Alda e por imponderable obrigado durante os dous anos da pandemia. Incluso fun a Compostela no 2013, malia a suspensión de tódolos actos a causa do accidente de Angrois. O día da Patria ten para min un valor inconmesurable. É a patria en movemento e en comunión, é o ágape solidario dos que levamos Galiza na mente e no corazón, na fronte unha estrela e no bico un cantar. Ese día dáme folgos para o resto do ano. Sen ela non podo vivir.

Este ano tres acontecementos chamáronse a atención. O primeiro foi o silencio nas intervencións orais da Praza da Quintana encol dun evento moi relevante na historia dos nacionalismos galegos periféricos, o Galeuzca. Este ano fanse mesmamente o centenario do primeiro acordo trinacional, A Tripla Alianza, asinada en Barcelona o 11 de setembro de 1923, o 90 aniversario do Pacto de Compostela ou Galeuzca, selado en Santiago o 25 de xullo de 1933, e o 25 aniversario da Declaración de Barcelona, de xullo-setembro de 1998. Pareceume un tanto estraña esta omisión xustamente na actual conxuntura política onde se perfila a importancia dun Galeusca forte e unido de cara a configuración dun novo panorama no Estado español e dun freo ao crecemento do ultradereitismo. O movemento Galeusca, ademais das tres emblemáticas datas sinaladas, gozou doutros cumios álxidos en 1924-25, no exilio francés, en 1941, en Bos Aires, no bienio 1944-46, en México e Bos Aires, en 1958-59, en Bos Aires e Caracas, en 1970-72, en París, e no 2015, a Declaración de Bonaval, e en 2019 a Declaració de la Llotja. Todos eles analizado nun recente libro dun servidor, Galeuzca. La periferia contra el páramo

O segundo evento resultou altamente simbólico, fondamente positivo e unha iniciativa merecente dos meus máis ferventes parabéns para as organizadoras, abandeiradas pola  alcaldesa, Goretti Sanmartín. Refírome á celebración por primeira vez da Alba de Compostela, en imitación do famoso discurso de Castelao, pronunciado en Bos Aires en 1948. Non asistín a cerimonia por descoñecer a hora de celebración, pero os amigos/amigas que estiveron presentes louvaron extraordinariamente o sinxelo e emotivo ritual e cada unha das variadas intervencións. Doáronme, ademais, un folleto do acto, que me agradou enormemente polo contido e formato.

O terceiro rito está máis vinculado a faciana relixiosa. Levo moito tempo lendo e escoitando o erro dun acontecemento histórico de fondo simbolismo para o nacionalismo galego. Refírome á Misa de Rosalía. Decote noméase o 25 de xullo de 1965 como a primeira vez que se oficiou unha misa en galego na honra de Rosalía de Castro. Non é totalmente certo. A misa a Rosalía data de 1932, pero oficiouse en latín deica 1965, agás o 26 de xullo de 1933 oficiada en galego, coincidindo coa sinatura do Pacto de Compostela ou de Galeuzca o día anterior pola tarde no salón nobre do Seminario de Estudos Galegos por parte dos nacionalistas galegos, vascos e cataláns, que realizaban unha viaxe triangular. Expoño a continuación os pormenores do evento relixioso. Para iso baséome no relato de Álvaro das Casas e na crónica do viaxeiro e xornalista vasco, Julio Ruiz de Oyaga.

Aquí a narración de Álvaro das Casas, un dos presentes no acto, titulada: “Diario dunha viaxe de nazonalistas”, publicado na revista ALENTO, en 1934-35.

26 xullo. Erguémonos con moito sono; onte deitámonos casi no abrente. Vou con Antón Beiras e García Suárez a mercar en Liste unhas cerámicas de Cesures pra agasallar às rapazas cataláns e bascas en nome dos ultreyas de Compostela. En Santo Domingo ouvimos misa rente das campas de Rosalía e Brañas i-escoitamos unha prática en galego do coengo López Carballeira que fai a peza de oratoria relixiosa máis bela que ouvín na miña vida. Os nazonalistas bascos conmóvense. Pomos un triskele de rousas bermellas na campa de Rosalía e dúceas de nenos debruzan froles por riba das cinsas da morta inesquecibre. López Carballeira conquire na saída da irexa unhas fortes ovazóns.

O oficiante debeu pronunciar un elocuente e fermoso sermón en galego, que lle valeu, segundo Oyaga na crónica do xornal bilbaíno Euzkadi “a la salida de la iglesia una formidable salva de aplausos”, ratificada polo relato de Das Casas. O cronista vasco resumiu a homilía do celebrante con estas palabras: ”Pronunció un bellísimo discurso para subrayar la significación del acto que se celebra. Dice que el pueblo gallego va resucitando con una fuerza magnífica. Hace una acertadísima  consideración sobre el Apóstol Santiago en sus tres estatuas de la catedral, sentado como doctor, vestido como peregrino y caballero que encarna el espíritu europeo. Dice también que el sepulcro de Rosalía significa el resurgimiento actual del alma gallega. Hablando de los movimientos nacionalistas dice que hay que defenderlos”.      

O crego do sermón era cóengo maxistral da catedral de Valladolid, pero nado  en Compostela cara 1880, Antonio López Carballeira. Foi un senlleiro sacerdote empeñado en introducir a materia de Historia das Relixións na Universidade española, colaborador da revista Vida Gallega, poeta, autor de varios ensaios e membro correspondente da Real Academia Galega. Dabondo descoñecido foi dos poucos cregos galeguistas da época xunto a D. Xesús Carro ou Paulino Pedret Casado.

Que verdade é o que di o amigo Iñaki Anasagasti, grande admirador de Castelao e ferreño galeuzcano: “Non hai nación sen historia nin cerimonia”.

Comentarios