Opinión

Soberanía, montes veciñais e lei de costas española

A soberanía e un dereito das nacións, dos pobos. E como tal dereito non se discute. Ou se ten ou hai que loitar para telo. A soberanía é un concepto xeral, mais semella que en algunhas competencias óllase mellor a necesidade de tela. Un destes casos son as costas. As costas son de competencia exclusiva do Estado, que este non quer traspasar. Véxase senón a recente negativa do goberno central a ceder as competencias en materia de costas a Galiza, logo dun acordo unánime do Parlamento galego que esixía tal traspaso.

A lei de costas española é uniforme para todas as costas do Estado español. Mais as costas dos diversos territorios do Estado non son iguais nin están no mesmo estado de conservación. Sen botar estralos de festa, porque tamén hai algún deterioro, as costas galegas en comparación coas do resto do Estado están mellor protexidas e conservadas. Na nosa nación, como acontece no resto do Estado, non están inzadas de edificacións, campos de golf, hoteis. É dicir, non están inzadas de negocios de carácter especulativo.

Se os lexisladores españois fosen quen de sacar a néboa centralista e uniforme que lles cubre a súa visión, como se padecesen conxuntivite, deberían preguntarse: por que acontece tal cousa? Unha das resposta é doada. A superficie dos montes veciñais costeiros galegos chegan ao que hoxe son as chamadas demarcacións marítimo terrestres. Ao mesmo tempo, os  montes veciñais en man común son titularidades comunitarias de carácter xermánico e xa que logo fóra do tráfico do comercio. Isto impediu que na súa superficie se puidesen levar adiante negocios de carácter especulativo. Polo tanto, a existencia na nosa nación dos montes veciñais en man común evitou que as costas galegas sufrisen un maior deterioro. Mesmo antes de que se promulgase a vixente lei de costas española.

Os lexisladores españois non. E aínda que non coñezan a figura dos montes veciñais, como di un amigo, ninguén nace aprendido, mais todos e todas nacemos con cerebro e con boca, xa que logo, podemos preguntar do que non sabemos. No que se refire á lei de costas aplican un razoamento simplista e uniforme: dado que a lei de costas non permite que nas demarcacións marítimo terrestres existan titularidades privadas e dado que os montes veciñais de xeito inxusto están considerados como bens privados, estes non poden existir nestas demarcacións. Con esta lóxica estáselle confiscando á veciñanza comuneira as súas terras comunitarias. Tal e como aconteceu na ditadura franquista.

Coa  lei de costas española, nas zonas de demarcación marítimo terrestre prodúcese unha expropiación das terras sen que os titulares das mesmas reciban o xustiprezo por esta expropiación. Como medida compensatoria, a lei de costas española contempla que aos propietarios que se vexan prexudicados pola demanialización das súas terras pódenlles ser outorgados dereitos para  levar adiante nestes terreos aproveitamentos preexistentes por un tempo máximo de 75 anos. Resulta que esta compensación e de imposible cumprimento nos montes veciñais en man común. Os usos preexistentes nos montes veciñais son os aproveitamentos gandeiros e madeireiros, aproveitamentos que non están permitidos nas zonas de demarcación marítimo terrestre. Polo tanto, a lei de costas española para os montes veciñais en man común significa confiscación das súas terras comunitarias sen que os seus titulares, a veciñanza comuneira reciba un prezo polas terras confiscadas nin teña dereito ao aproveitamento destas terras. O que non deixa de ser unha inxustiza.

A lei de costas española en relación coa figura e as funcións dos montes veciñais está chea contradicións. Non semella moi ecolóxico nin moi protector que esta lei permita que un negocio particular (un complexo hoteleiro), faga negocio durante 75 anos e non permita dende o minuto un o aproveitamento comunitario dos montes veciñais en man común. Por iso, cando escoito dicir que falar de soberanía é secundario, que o principal é falar das cousas de comer, venme á memoria aquel rapaz galego que estando nun porto dunha cidade galega se fixa nun barco, non pola súa envergadura, senón porque ten a cheminea moi alta e pintada con cores vivas.

Comentarios