Opinión

A primeira revisión do Plan forestal da Galiza e os montes veciñais en man común

Aprimeira revisión do Plan forestal da Galiza formula no curto e no medio prazo, sen reparos e sen subterfuxios, a eliminación dos montes veciñais en man común. Esta titularidade singular pertencente á veciñanza comuneira sen asignación de cotas. Estoutra forma de posuír que temos os galegos e as galegas.

Esta marca de identidade da nosa nación. Como ben dixera o historiador Xesús Balboa, no acto de peche do VI Congreso Galego de comunidades de montes, estamos na quinta vaga histórica do intento de apropiación destas terras comunitarias. E esta quinta vaga non vén de fóra. É protagonizada polos gobernantes galegos do Partido Popular, á cabeza dos cales está o conselleiro de medio rural, o señor José González.

A primeira revisión do Plan forestal da Galiza contempla a modificación de lei de montes veciñais, actualmente vixente, sobre todo no que fai referencia á condición de veciño ou veciña comuneira. Nunha titularidade de carácter xermánico, como son os montes veciñais, a condición de veciño e veciña comuneira acádase por estar, non por ter. Coa reforma que formula o Partido Popular terán a condición de comuneiro todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan algunha relación co monte veciñal. É dicir, terán a condición de veciño ou veciña comuneira os e as accionistas de Ence, as empresas eólicas, Naturgy e até Inditex se vai para adiante a produción de viscosa. E terán a condición de comuneiras aínda que vivan no planeta Marte.

Esta desnaturalización dos montes veciñais en man común é un paso previo e necesario para proceder á súa privatización. De tal feito, a primeira revisión do Plan forestal da Galiza tamén contempla, na futura modificación da lei de montes veciñais en man común, dotar as comunidades de montes e as súas mancomunidades de personalidade xurídica. Dotalas de personalidade xurídica e transformar estas titularidades de carácter xermánico, por arte de maxia, en titularidades de carácter romano e, xa que logo, entrar de cheo no trasfego do comercio. É dicir, estas titularidades poderanse vender, mercar e até transmitir. No intento de roubarlle os montes veciñais en man común á veciñanza comuneira, o Partido Popular non dá puntada sen fío e mesmo ten axudantes que lle enfían as agullas. Todo o sector forestalista do consello forestal da Galiza, que é esaxeradamente maioritario, aplaudiron e aceptaron este roubo do monte veciñal á veciñanza comuneira (empresas, asociacións e mesmo representantes institucionais non relacionados co monte e co medio rural).

Ollando estas agresivas propostas contra o monte veciñal en man común que contempla o Plan forestal da Galiza, semella que entramos no túnel do tempo ou naquela moviola deportiva. Semella que viaxamos ao pasado e aterramos en Ponteareas e en Mondariz, sendo o ano 1995 naquel Congreso de montes veciñais organizado pola Dirección xeral de montes e pola Asociación forestal da Galiza. As conclusións deste Congreso e as propostas da primeira revisión do Plan forestal da Galiza son exactamente as mesmas. Volvemos para atrás 26 anos. E a isto chámanlle avanzar e modernizar.

Daquela, a veciñanza comuneira para parar o roubo do monte veciñal organizouse e lograron paralo durante 26 anos. E iso que os inimigos do monte veciñal nunca estiveron quedos. Sempre maquinando en como apropiarse destas terras comunitarias. Só se tiveron que retirar os seus cuarteis de inverno no breve período de tempo no que a Xunta da Galiza tivo un goberno bipartito. Agora a veciñanza comuneira está organizada, semella, xa que logo, que será máis doado para este novo intento de roubar o monte veciñal. Mais doado se axiña nos pomos mans á obra.

Comentarios