Opinión

Lumes do territorio: onde está a Consellaría do Medio Rural?

Para a Consellaría do Medio Rural, os lumes do territorio son algo cíclico. Algo que todos os veráns ten que vir e que se apagará cando chova. De aí que as medidas que toma para combatelos sexan as mesmas que se tomaron o ano anterior, que xa amosaron a súa ineficacia. Se cadra adobadas, cada ano máis, a través dunha política desinformativa.

O desleixo da Consellaría do Medio Rural para combater os lumes do territorio, no ano que andamos, multiplicouse por varios díxitos. Como proba deste desleixo aumentado, temos: O plan de defensa contra incendios forestais (Pladiga) apróbano a finais do mes de maio, sen pasar polo Consello Forestal e que as brigadas da Consellaría do Medio Rural para a prevención e defensa contra os lumes, ademais de seren contratadas en precario, non estiveron totalmente operativas até o mes de xullo. Estas irregularidades foron denunciadas publicamente por diversas asociacións de bombeiros e bombeiras forestais e mesmo a Plataforma por un Monte Galego Vivo presentou unha denuncia perante a Fiscalía de Medio Ambiente, denuncia que foi admitida a trámite.
Outra proba deste desleixo da Consellaría do Medio Rural é o feito de que este ano, por primeira vez, non sacou a liña de axudas para que as comunidades de montes puidesen formar brigadas para a prevención dos lumes. Este feito tratouno de negar o Sr. conselleiro de Medio Rural, tratando de colar a mentira de que as sacou polo feito de sacar a liña de axudas denominada fomento da silvicultura. Liña da axuda que evidentemente é distinta, e que tamén sae anualmente. Esta mentira do Sr. conselleiro de Medio Rural desmóntase facilmente ollando aos Diarios Oficiais da Galiza do ano. Claro que a mentira para combater os montes veciñais e as comunidades de montes é a marca persoal do Sr. conselleiro de Medio Rural.

Pola contra, a Consellaría do Medio Rural, para combater os lumes do territorio, non toma medidas que, ademais de seren inmediatas, comezarían a eliminar as causas estruturais que provocan os incendios. Estamos a falar de voltar a sacar as axudas denominadas "valoración integral do monte e aposta pola súa multifuncionalidade". Axudas sacadas, por primeira vez, pola Consellaría do Medio Rural do Goberno bipartito da Xunta da Galiza, dirixida politicamente polo BNG. Axudas que non foi casual que fosen eliminadas nada máis retornado o Partido Popular á Xunta da Galiza. Ían en contra da política forestalista do Partido Popular.

Estamos tamén a falar de modificar o artigo da lei de prevención de defensa contra os lumes que obriga ao investimento dos ingresos da madeira queimada en plantacións forestais nun ano ou "por graza" da Consellaría do Medio Rural, en catro. Na realidade, isto significa, ademais de fomentar o negocio das plantacións, a entrada nun ciclo perverso: lume, plantación, abandono, lume, plantación, abandono. O lóxico sería que aquelas comunidades de montes que as súas terras padecesen lamentabelmente un lume, cos ingresos da madeira queimada, puidesen elaborar a medio e longo prazo una plan de posta en valor do monte veciñal (non só forestal) que asegurase a sustentabilidade do monte veciñal.

E mentres acontece isto, que fai e en que se ocupa a Consellaría do Medio Rural? Pois anda traballando nunha modificación da lei de montes veciñais actualmente vixente que pretende eliminar o carácter xermánico dos montes veciñais para proceder á súa privatización. Axudada neste ataque aos montes veciñais pola Consellaría de Economía, Industria e Innovación, que está levando un espolio dos montes veciñais a favor das empresas eólicas (só parado en parte pola mobilización e as denuncias formuladas pola plataforma Eólicos Así Non) e pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que vén de aprobar a lei de instalacións industriais, mediante a cal expropiará directamente monte veciñal para entregarllos de balde ás empresas.

Comentarios