Opinión

Os chamados lumes de sexta xeración

Enténdese por lumes de sexta xeración os que se xeran en zonas de monte que foron invadidas por urbanizacións e vivendas, onde se dá unha falla do manexo do territorio e o abandono do medio rural. Ao que hai que engadir as consecuencias do cambio climático, que supoñen un quecemento do planeta. Todos estes elementos fan que estes lumes non se poidan combater eficazmente e hai que agardar a que chova para apagalos.

Chámanlle lumes de sexta xeración supoño porque é un termo moderno, que non pasa de ser un eufemismo e que foxe de nomear que as verdadeiras causas, tamén destes lumes, son estruturais (monocultivos forestais, desordenación das masas boscosas, falla dunha ordenación dos usos das terras...). Xa que logo, as causas destes lumes chamados de sexta xeración son consecuencia dunha errada política de montes e do medio rural. Pero supoño que reivindicar unha política de montes e de medio rural radicalmente distinta á actual é un termo considerado vello. Se cadra, é mellor ver a arborada para non ver o monte.

Din que unha das causas de porqué é case imposíbel combater estes lumes se debe a que as vivendas invadiron os montes. Mais nada din sobre como se produciu esta invasión. Nada din de que esta invasión do monte de vivendas e urbanizacións son case todas de segunda ou terceira ocupación ou para negocio. E que a inmensa maioría das mesmas foron edificadas sen a licenza urbanística correspondente. É dicir, foron construídas ilegalmente, aproveitando a consideración dos montes veciñais en man común como solo barato e a súa indefinición xurídica que lles aseguraría que non lles carrexaría ningunha repercusión civil e penal por esta invasión dos montes veciñais.

A pesar de esta flagrante ilegalidade, aos distintos gobernos fáltalle a valentía para arranxar esta ilegalidade urbanística, culpando da situación os verdadeiros e verdadeiras culpábeis. Mais trémenlle as mans ao atoparse coa sacrosanta propiedade privada. Pola contra, a eses gobernos, por exemplo, non lle tremen as mans para confiscar pola brava montes veciñais en man común nas denominadas zonas marítimo-terrestres. Ante esta problemática que fan os diversos gobernos? Pois o máis doado. Responsabilizar os titulares dos montes veciñais da xestión da biomasa forestal arredor das vivendas que invadiron os montes veciñais en man común ilegalmente. Sabendo ademais que este “Iimpar por limpar” todos os anos sen formular alternativas para as franxas limpas é economicamente insostíbel. Dise que os lumes de sexta xeración son un monstro, un ente con alma e mesmo que teñen vida propia. E que o único que se pode facer é protexer as persoas e as vivendas na espera a que chova para que o lume se apague. Nada falan de mudar a errada política de montes e de medio rural que fai que a día de hoxe os lumes sexan mais virulentos. Converten unha cuestión política de protección civil. É certo que por mor desta errada política nos lumes o primeiro que hai que facer hoxe e protexer as persoas. Mais ao mesmo tempo hai que formular unha política de montes e do medio rural distinta.

A esta nova terminoloxía que tal como a lura estende a súa tinta para non poder ver con claridade, acolleuse o actual conselleiro do medio rural para zafar das súas responsabilidades na cuestión dos lumes. Circula polas súas dependencias un pre-borrador para unha nova lei de prevención e loita contra os lumes. Neste pre-borrador pasan olimpicamente de analizar as causas estruturais que provocan os lumes e pasan aínda máis de propor políticas acaídas para eliminar estas causas. Todo se centra en cuestións de protección civil, cuestións que, sendo necesarias, non son suficientes .

Hoxe chámanlle lumes de sesta xeración. Mañá chamaranlle de non sei que xeración. Mais a realidade é que estamos a falar dos lumes de sempre. Lumes que, agás os efectos xerados polo cambio climático, son provocados por causas estruturais que veñen de lonxe. Se fose verdade o fatalismo que predican estes expertos e expertas dos lumes (só os apagará a choiva), a veciñanza non teriamos que escoller un ou unha conselleira de medio rural que levase unha política acaída para combater os lumes. Chegaríanos con escoller un ou unha chamán que no seu repertorio tivese danzas eficaces para rachar as nubes e provocar as choivas.

Comentarios