Opinión

Unha recuperación particular

Pode que non estean mentindo cando din que comeza a recuperación. A unha gran parte da cidadanía –mesmo á maior parte da cidadanía– pode parecerlle un sarcasmo falar de recuperación coas cifras de paro aínda tan avultadas, coa progresiva precariedade no mercado laboral (en salarios e en dereitos), cos servizos sociais en continuo deterioro, cos créditos apenas servidos con contagotas e coa desigualdade en plena expansión.

Pode que non estean mentindo cando din que comeza a recuperación. A unha gran parte da cidadanía –mesmo á maior parte da cidadanía– pode parecerlle un sarcasmo falar de recuperación coas cifras de paro aínda tan avultadas, coa progresiva precariedade no mercado laboral (en salarios e en dereitos), cos servizos sociais en continuo deterioro, cos créditos apenas servidos con contagotas e coa desigualdade en plena expansión. Pero tamén unha gran parte da cidadanía, ou a súa maior parte, pode pensar que menos dá unha pedra e, despois de seis anos de castigo, o persoal pode estar disposto a asumir calquera cousa con tal de ter un posto de traballo por precario que sexa.

 "Despois deste período de esmagamento intensivo, quizais un dos seus triunfos é ter conseguido que todos  desexen volver á situación anterior, como no chiste de Lourdes"

Todo depende, ademais, do que se entenda por recuperación e dos beneficiarios directos e inmediatos de tal recuperación. Por exemplo, se pretendemos volver aos niveis económicos e sociais de antes da crise ou se aceptamos baixar algúns chanzos e cántos chanzos estaríamos dispostos a aceptar (no caso de que haxa posibilidades de elixir e non volvan facer “o que hai que facer”). E se a baixada de chanzos é igual, ou parecida, para todos. Despois deste período de esmagamento intensivo, quizais un dos seus triunfos é ter conseguido que todos –ou unha maioría máis ou menos extensa– desexen volver á situación anterior, como no chiste de Lourdes (virxenciña, que me quede como estaba). Como se, no sucesivo, esa situación anterior fose o obxectivo máximo ao que se puidese aspirar. 

Sen entrar en detalles de culpas e responsabilidades na orixe da crise –que xa cansa entrar nese tipo de consideracións–, está claro que os poderes políticos e económicos (españois sobre todo, pero tamén europeos en xeral) están a aproveitar esta crise para recuperar a maior parte posíbel do terreo que perderan no que consideran concesións ás clases traballadoras feitas en momentos de debilidade, cando crían que a mobilización popular podía poñer en perigo o seu status. 

Podería ter sido doutra maneira: que se aproveitase a crise para introducir novos criterios de regulación financeira, redistribución fiscal e medidas para rebaixar a desigualdade (reducir outros gastos e outros salarios, despedir a outra xente, poñer límites á especulación…). Mesmo intentando novos modelos de austeridade e racionalidade no uso dos recursos fronte á irracionalidade dun sistema económico baseado na dilapidación compulsiva e que non só nos mantén nunha crise crónica, con intermitentes episodios agudos como o que agora nos ocupa (ou nos desocupa, máis ben), senón que nos leva ao desastre ecolóxico. Pero é evidente que a correlación de forzas e poderes non favorecía semellante alternativa, nunha Europa alienada polo mito dun Estado do benestar e do consumismo que se presumían perpetuos. Polo menos, até agora (e está por ver se logran fraguar algunhas alternativas que empezan a aparecer nalgúns países).

"Pode que non mintan desde o goberno español cando din que comeza a recuperación, sempre que se entenda que son eles os que recuperan privilexios"

Pode que non mintan desde o goberno español cando din que comeza a recuperación, sempre que se entenda que son eles –os dos poderes tanto fácticos como nominais– os que recuperan privilexios e discrecionalidades máis ou menos limitados pola onda socialdemócrata que impregnou a transición desde os Pactos da Moncloa. E que recuperan amplas áreas de negocio a partir do implacábel desmantelamento dos servizos públicos. 

En realidade, esa recuperación particular comezou xa coas primeiras medidas de austeridade discriminatoria que se puxeron en marcha supostamente contra a crise. Estes días, afrouxan na fase de esquilmación para que os electores recuperen folgos e mesmo se convenzan de que poden recuperar o que perderon se votan na dirección axeitada. 

Unha vez todo no seu sitio de novo, eles seguirán coa súa recuperación a fondo.

Comentarios