Opinión

Fracaso do refuxio europeo

Non hai excepcións coa política económica na Unión Europea.

Non hai excepcións coa política económica na Unión Europea. Establecido o principio de austeridade no gasto público –que se traduce basicamente no recorte dos gastos sociais e o consecuente aumento da desigualdade–, ninguén se escapa da disciplina orzamentaria que tal principio supón. Os mecanismos correspondentes da UE encárganse de controlalo. Pode haber algunha flexibilidade temporal con respecto ao cumprimento das cotas de déficit, sobre todo se o goberno é “amigo” (e xa sabemos como se mide o nivel de amizade neste contexto neoliberal), pero o obxectivo final é imperturbábel. Ben o saben os socialdemócratas que fixeron tímidos intentos de humanizar a austeridade e foron rapidamente neutralizados e o sabe moito mellor, por suposto, a esquerda radical de Syriza, en Grecia, sometida a un acoso implacábel ate que se viu obrigada a abandonar as súas aspiracións de aliviar recortes e débedas. Tras menor ou maior resistencia, todos eles remataron sometidos aos intereses superiores dos deuses dos mercados, ao verdadeiro poder universal.

Non parece que suceda o mesmo co problema dos refuxiados. Nin sequera se cómpren os máis que raquíticos acordos dos primeiros momentos para a distribución de refuxiados por países, completamente desbordados por unha masiva chegada que non cesa (máis dun millón de refuxiados ao longo do 2015). Tampouco se atenderon as necesidades de moitos máis centros de control e rexistro, que deberían ser dotados con fondos comunitarios, mentres a cúpula da UE ten o cinismo de culpar a Grecia de non controlar aos milleiros de refuxiados que chegan cada día ás súas costas. E nada se sabe dos acordos con Turquía, con varios milleiros de millóns de euros por medio, para prestar mellor asistencia aos refuxiados naquel país, coa inxenua intención de frear a fuxida cara Europa.

Centos de milleiros de fuxitivos da guerra e da fame vagan polos camiños da Europa do Leste, onde gobernos de extrema dereita rexeitan acoller a musulmáns sospeitosos de toda sorte de males

Centos de milleiros de fuxitivos da guerra e da fame vagan polos camiños da Europa do Leste, onde gobernos de extrema dereita rexeitan acoller a musulmáns sospeitosos de toda sorte de males. Saturadas xa as metas preferidas de Alemaña e países escandinavos, a aposta inicial de Angela Merkel por cumprir xenerosamente coas esixencias do dereito de asilo estase a volver na súa contra, tanto polas presións dos compañeiros máis reaccionarios do seu partido como pola vergoñenta indiferenza dos seus aliados socialdemócratas. De feito, Alemaña empeza a restrinxir a acollida de refuxiados, como tamén os países escandinavos. 

No medio da incompetencia xeral, cada país volve pechar fronteiras e levantar muros da nova vergonza. Un dos máis importantes logros da Unión Europa, a libre circulación de persoas polo espazo Schengen, está a piques de estoupar, primeiro coas suspensións esporádicas por parte dos gobernos máis obsesionados pola “invasión” de refuxiados, e agora polas intencións de suspendelo con carácter xeral por dous anos (aproveitando como pretexto a imposibilidade de Grecia de asumir o control das chegadas de refuxiados). Toda unha declaración do fracaso desta Europa unida que pretendía ser unha das potencias do mundo. 

En paralelo, vaise abrindo paso unha campaña nada sutil de desprestixio dos refuxiados. Algún bispo español e algún político do PP xa foran pioneiros nas primeiras ondadas

En paralelo, vaise abrindo paso unha campaña nada sutil de desprestixio dos refuxiados. Algún bispo español e algún político do PP xa foran pioneiros nas primeiras ondadas, cando advertían de que, entre eles, podían viaxar terroristas, tese manexada agora nas investigacións sobre os últimos atentados yihadistas en Francia. Nalgúns países empezan a manexar estatísticas sobre a porcentaxe de terroristas, delincuentes comúns e persoas correntes (non vítimas da guerra, aínda que sexan vítimas doutras miserias) que debería depurarse da conta xeral de refuxiados. As agresións sexuais en concentracións masivas durante as pasadas festas en Colonia e outras cidades alemás –por certo, concentracións masivas que contaron co apoio da pasividade policial–, e nas que terían participados grupos de supostos refuxiados, veñen de pór a nota máis morbosa a esta serie de noticias coas que quizais algúns pretenden desactivar as reaccións de sensibilidade solidaria entre a cidadanía europea que provocaran as imaxes dramáticas de viaxes en embarcacións precarias, de naufraxios e de mortos nas praias da desesperación.

Desacreditando aos refuxiados incómodos, tamén terán máis fácil xustificar medidas máis drásticas contra eles e xustificar tamén que poñen máis interese na defensa da economía da desigualdade que no respecto dos dereitos humanos. 

Comentarios