Opinión

Que pasen as correntes apestadas

Se o mundo dos dous derradeiros séculos se rexer polo slogan da Revolución Francesa comprobaríamos como ningunha daquelas palabras prendeu no continente africano. Repartido e gobernado a discreción polas potencias europeas, foi o prado en que pastaron as hostes coloniais a discreción e con proveito.

Se o mundo dos dous derradeiros séculos se rexer polo slogan da Revolución Francesa comprobaríamos como ningunha daquelas palabras prendeu no continente africano. Repartido e gobernado a discreción polas potencias europeas, foi o prado en que pastaron as hostes coloniais a discreción e con proveito. Por iso André Gide, no seu libro, Voyage au Congo, relata, a través dunha remontada do río Congo realizada entre xullo de 1926 e maio de 1927, viaxe que o leva a atravesar os actuais Congo, República Democrática do Congo, República Centroafricana e Chad, os malos tratos infrinxidos aos indíxenas e a asfixiante segregación racial que reina por toda a parte, mais non condena o colonialismo: “Por moi custoso que fose, en diñeiro e en vidas humanas, o establecemento deste camiño de ferro, actualmente existe para o inmenso proveito da colonia belga e da nosa” Como tampouco o condena, o colonialismo,  Joseph Conrad (O corazón das tebras) que mesmo se considera parte necesaria nese proceso. 

"Colonialismo enxalzado no cinema e na literatura, mais con raíces profundas no proceder de quen, antes e agora,  ten a forza"

Colonialismo enxalzado no cinema e na literatura, mais con raíces profundas no proceder de quen, antes e agora,  ten a forza, como o comisario belga do distrito de Uele que en 1899 escribe a  todos os xefes de posto: “Teño a honra de pór no seu coñecemento que a partir do 1 de xaneiro próximo é mester fornecer mensualmente catro mil quilogramos de caucho. Para ese efecto, teñen vostedes carta branca. Dispoñen de dous meses para estimular as súas poboacións. Fagan uso primeiro da suavidade, e, se as xentes persisten en non aceptar as disposicións do Estado, empreguen a forza das armas." 

Mais ninguén como o propio Leopoldo II, aquel rei sen escrúpulos cuxas políticas contribuíron á aniquilación de cinco millóns de africanos,  soubo interpretar a esencia da explotación do sistema colonial. Por iso, en 1865, reflexiona e apunta solucións: 

"Pódese aplicar o libre intercambio e o libre traballo nas rexións onde a civilización non penetrou aínda? Non! Pararían o traballo. Nestas rexións é necesario o traballo forzado.
A explotación do sistema colonial é o exercicio dunha industria que consiste en dúas operacións:
1.- Procurar ás poboacións indíxenas a seguridade da propiedade. O proveito desta operación dá como resultado o imposto.
2.- Procurar ás poboacións indíxenas o habito do traballo. Esta operación redúcese a quitar aos indíxenas o suficiente como para obrigalos a traballar para vivir: o proveito é inmediato."

"A OMS estima que por menos de 400 millóns de euros se podería conter a epidemia; e que co equivalente á fraude dos directivos de Caja Madrid, uns 15 millóns de euros, se pode custear o tratamento de 15.000 doentes"

Cando o colonialismo formal deixou de estar de moda, e vestiu outras roupas, Europa apoiou e entronizou nestes territorios réximes de terror ao tempo que alimentou a guerra civil para colocar os excedentes da industria armamentística. Os resultados desas políticas son hoxe ben visíbeis, en moitos campos. Por exemplo no desenvolvemento de sistemas sanitarios e de prevención das doenzas endémicas. Segundo datos do Banco Mundial, o número de médicos por cada 1.000 habitantes é, no ano 2010,  de 0,0 en  Liberia, onde para unha poboación duns 4 millóns de habitantes hai 51 médicos e en Serra Leoa, 136 médicos para 6 millóns de persoas, mentres que en España, por exemplo, o índice é  de 3,7 por mil.

A OMS estima que por menos de 400 millóns de euros se podería conter a epidemia, que está no maior brote desde que en 1976 foi descuberto o virus; e que co equivalente á fraude dos directivos de Caja Madrid, uns 15 millóns de euros, se pode custear o tratamento de 15.000 doentes (uns mil euros por paciente)

Mais Europa, a Europa colonial, olla para outro lado, fecha fronteiras, levanta muros, suspende voos, muda rutas turísticas e agarda a “que pasen as correntes apestadas”, nunha actitude que para nada concorda coas ideas de  liberdade,  igualdade e fraternidade de que presume e que proclama. Porque nada produce tanto pavor ao colonizador europeo como a memoria da súa orixe africana, negra sombra que o asombra. De Cuba, ou de China, chegan axudas valiosas. De Europa, das súas institucións, coa epidemia batendo ás súas portas, só silencio sepulcral. E culpabilización das vítimas.

Comentarios