Opinión

Val de Ramirás

Anxo Angueira, tanto por vida coma por obra, é un autor da bisbarra do Sar. Con todo, a súa traxectoria intelectual non se pode concibir sen ollarmos para outro vértice do noso territorio, o fecundo dominio de Terra de Celanova.

Porque aquí foi, hai xa máis de tres décadas, onde lle agromou a inspiración e a pulsión creadora, froito da cal leva dado ao prelo un considerábel repertorio de títulos, poéticos, narrativos e ensaísticos.

Así, o poemario Val de Ramirás, esgotado hai ben tempo e agora reeditado polo concello que lle pon nome ao título, é a chave coa que abriu un mundo gorentoso ao que nunca deixou de volver.

Recoñecido profesor, dende sempre, por quen fora o seu alumnado no Instituto de Celanova na segunda metade dos oitenta, a súa traxectoria non se pode concibir sen a vinculación con este fecundo espazo cultural do occidente.

Polos sólidos lazos afectivos, con persoas e con este territorio, mais tamén pola profunda esculca na obra dalgún esgrevio creador destas latitudes, como é o caso de Méndez Ferrín, do que é máximo especialista. E pola súa implicación en proxectos solidarios levados a cabo, ao abeiro desta xeografía, nas últimas décadas.

Desta sorte, o novo libro, saído orixinariamente en 1989, dá conta dalgún destes aspectos. Por canto, amais de incluír o volume orixinal  –ao que se lle aplicou unha revisión normativa–, a nova edición enriquécese con outros materiais de actualidade.

Coma unhas espléndidas fotografías, feitas por Baldo Ramos, referentes a significados espazos do proceso creativo ou un limiar alusivo á riqueza e enxebreza deste concello.

E, dende logo, un apéndice textual no que se incorporan outras mostras poéticas levadas a cabo polo autor nas últimas décadas relacionadas con este universo. E isto sen obviar un orixinal –“Volver a Ramirás e ó Tuño”– feito para esta nova versión na que o creador dá conta do seu vencellamento e da súa atracción con esta realidade.

Como o propio Angueira ten declarado, esta obra –primeira e transcendente na súa bibliografía– supuxo para el unha reconciliación coa terra. O cal é doado de albiscar en se mergullando no interior deste vizoso humus verbal.

Así, xa na propia estrutura poemática unha complementariedade enfronta o primeiro e o derradeiro dos textos. Coa iluminación, dunha banda, de quen estragará “a liña de horizonte/ordenando o baleiro e o silencio”. Fronte á arte verbal que lle dá o auténtico ton esplendoroso á composición: “Aquí nacen palabras e palabras./Non teño outra sintaxe”.

Sen por iso evadirse da delicadeza que reflicte a fraxilidade, enxergada no irremediábel da lembranza amistosa “A Eusebio Lorenzo desde outro val”: “puxeches metro ao tráxico designio/dos que aman belezas que perecen”.

Ou do mesmo xeito ca o retorno dunha garza de inverno con “finísima garganta,/de exclusiva brancura ben extensa/que o lenzo de bidos arexaba”.

Comentarios