Opinión

Tundra

O novo libro de Carlos Negro intérnase no territorio inhóspito da frialdade, onde para transitar é necesario espirse de todo o accesorio e ficar só co imprescindíbel. Unha aposta consciente, dende o mesmo inicio, polo esencialismo, esta proposta editada na colección de poesía Espiral Maior.

Tundra supón, entón, un novo vieiro creativo na produción dun autor ocupado, en especial na última década, en se aproximar ao imaxinario de mozas e mozos a través dun acertado rexistro expresivo e, en consecuencia, en achegar a nosa mocidade ao fecundo ámbito da creación lírica.

A voz poética tece no texto un latexo cálido de palabras na procura dun refuxio no limiar do indicíbel. Pois é ela mesma quen xa ao comezo anota a posibilidade de ser o poema “unha expedición simbólica, de cervos e lagos xeados, romántica na construción dun escenario nórdico, de paisaxes arcaicas”.

A voz poética tece no texto un latexo cálido de palabras na procura dun refuxio no limiar do indicíbel

 

A linguaxe convértese en equipo de supervivencia. Máis alá da calor corporal, nun idioma que non atopa refuxio, callan as palabras dunha “lingua sometida/á semántica da desolación”. De aí a proposta de se internar nun novo vieiro poético, “onde a neve descoñece a pegada”, extrema vontade, no “magma primixenio da linguaxe”, na estrema do azar.

No espazo creado onde transitar “os nomes serán da mesma materia/que a neve”. Nunha cartografía onde resultan inútiles os topónimos, coma nunha memorábel escena do filme Dersu Uzala, de Akira Kurosawa, o que cómpre é procurar abeiro ao desamparo da natureza na inclemencia da gándara.

Ao abraio da montaña, cando “as metáforas caen ao abismo en avalancha”, “no estremo norte/onde se eslúen todas as linguaxes”, o transcendental é sabermos da orixe. De aí que no eufónico “Candán canto” se represente “a última charamela do desexo antes do fulgor da amañecida”.

O que cómpre é procurar abeiro ao desamparo da natureza na inclemencia da gándara

 

Entón sucede o inevitábel e acontece o intre completo da entrega. Coa ansia do tempo entre os amantes ouvea o instinto “e nós/herbívoros da mansedume/evitamos resistirnos/felices de ser parte do festín”. A escrita crea “un lugar á marxe dos adverbios, non delimitado/aínda por ningún marco”. Este é o espazo de ter lugar no poema a profecía: “O último verso/ha de ser luz cegadora/azul inverno/neve impoluta dos cumes/cristal abstracto/serra do Candán”.

Comentarios