Opinión

Sobre memoria (e dous)

No portal de Nova Escola Galega acaban de facerse públicas as conclusións extraídas no “VIII seminario sobre a memoria: a longa noite de pedra”, celebrado entre Rianxo, Celanova e Allariz o pasado mes de maio.

O documento é froito da síntese das reflexións e propostas sobre a situación sociopolítica desencadeada a partir do golpe de estado fascista de 1936. O texto recolle, polo tanto, a visión sobre o tema de membros da resistencia, familiares de vítimas, especialistas na materia e persoas interesadas en xeral.

Sería ben que estes considerandos se espallasen e divulgasen amplamente, de cara a acadar a implicación e asunción dos postulados que se defenden por parte doutros colectivos que asemade traballan no eido da memoria republicana.

Co fin último de que a sociedade en xeral sexa plenamente consciente da inconcibíbel eiva –anómala no contexto europeo occidental– que lle afecta ao sistema democrático no que vivimos: bardante excepcións de carácter individual, a dereita política non condenou, repudiou nin denunciou o réxime franquista nin as infindas atrocidades que, con total impunidade, se cometeron mentres estivo en vixencia.

Bardante excepcións de carácter individual, a dereita política non condenou, repudiou nin denunciou o réxime franquista

 

Como unha realidade abalante, devalante, na que, claramente, por escuros intereses non se deixa chegar ao miolo do conflito, velaí varias mostras de absoluta actualidade. De primeira, a teimosa negativa do goberno, aínda hoxe mesmo, a autorizar a desclasificación de documentos do período da ditadura.

Fronte a esta realidade opaca de chumbo espéllase a reivindicación das figuras, dos mártires, dos nosos bos e xenerosos, encarnada na homenaxe tributada estes días a Alexandre Bóveda en Ourense ou a varios veciños e ao alcalde na Estrada.

E merecente de mención salientábel éo a iniciativa Xeración Perdida, dirixida por Emilio Grandío e promovida pola deputación para o que é o territorio coruñés. A cal incluirá unha completa información de represaliados e asemade das corporacións republicanas do 36.

Fronte a esta realidade opaca de chumbo espéllase a reivindicación das figuras, dos mártires, dos nosos bos e xenerosos

Dentro do proceso de reparación da verdade é este un labor imprescindíbel, que debería ser xa extensíbel ao conxunto do país, no cal investigadores e familiares das vítimas seguen, día a día, zopando con múltiples pexas e atrancos de cara a ter acceso a toda información dispoñíbel.

Como se enuncia nunha das conclusións aludidas ao comezo: “para que crimes desta gravidade non volvan repetirse é preciso garantir unha profunda conciencia pública do sucedido, o que inclúe necesariamente educar no respecto á verdade e afondar nos valores para unha cidadanía democrática, reclamando o recoñecemento e posta en valor do ideario republicano”.

Comentarios