Opinión

Pangalaica

Xurxo Souto recolle neste volume un conxunto de pequenos artigos, acompañados da respectiva imaxe alusiva, publicados na contraportada de Nós Diario ao comezo da pandemia.

Recortes poderosos. Talento e ruta é o subtítulo dun escolleito feixe de lampos cun fondo substrato cultural nos que se esparexen gromos da nosa identidade polos cinco continentes.

“Aínda teño a esperanza de poder / percorrer unha por unha / todas as parroquias de Galiza” son Versos do lume e do vagalume de Manuel María, que constitúen o portal de entrada a esta obra. E condensan o miolo común destas páxinas: representar a cartografía popular do país.

Porque todas elas están cheas dunha enerxía positiva e de afirmación das nosas capacidades. Así a mensaxe que transmiten fica manifesta: “Compartir a certeza de que o único camiño para construír o futuro está no noso propio talento”.

Somos un pobo de artistas! De aí que o ámbito da música acade unha polifonía de rexistros neste traballo. O nacemento dos Tamara, nun cruceiro rumbo a Tánxer, por mor dunha prohibición relixiosa. Ou o brinde dos mariñeiros na voz dos nosos poetas de Pucho Boedo.

Mais tamén o xurdir do rock bravú, a rianxeira de Capetón ou numerosas melodías instrumentais. Coma as do acordeón, de Sindo de Olelas, de Pazos de Merexo, Ico Rafael ou dos xingros de Alongos.

E as infindas singraduras do navegar. Coa maxia das súas historias e o engado dos seus protagonistas. Coma a do trasatlántico Highland Chieftain rumbo a Bos Aires, onde o acordeonista Cociña gardaba un tesouro dentro do seu instrumento, mercé ao cal aquel se transformaría no barco do amor.

Ou o acontecido a Mesejo de Fisterra nas augas do Índico. En cuxa peripecia se demostrou que o galego, ademais de ser lingua internacional, resulta de extrema utilidade. Mesmo como salvoconduto para protexer a vida.

Un feixe de pasaxes marabillosas. Moitas con protagonismo feminino. Coma a da muller sapatilla, as que abriron rutas internacionais para levar peixe a Portugal, a da secretaria da Irmandade da Fala da Coruña ou a da libreira de Carnota.

Neste ronsel de historias non falta tampouco un alegato contra o pseudocosmopolitismo pailán. Que da man do populismo político provoca viviren de costas moitos representantes das dúas grandes cidades galegas. Contra o cal se prescribe unha certeira diagnose: “Incomunicación. Ese segue a ser hoxe o problema que cómpre superar”.

Isto sen esquecer o continuum existente entre o urbano e o rural –que se reivindica–. Así “Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Entre outras razóns porque a inmensa maioría das persoas que as habitamos procedemos directamente da aldea”.

Nin obviar páxinas relativas á literatura. Coa estela poética do vapor Alegría pola ría de Vigo ou o bautizo onomástico de Avilés de Taramancos. E a obra de Luísa Villalta, onde se aúnan as notas musicais e o valor primixenio que supón o canto para a nosa poesía.

Comentarios