Opinión

Obreiros na cadea, corruptos no poder

O Partido do Poder amosa o seu auténtico rostro sanguinario e depredador contra a clase traballadora na situación que están a padecer Serafín Rodríguez e Carlos Rivas. Entrambos pertencían ao ámbito do transporte e participaron na folga convocada neste sector, en 2008, en Vigo.

O Partido do Poder amosa o seu auténtico rostro sanguinario e depredador contra a clase traballadora na situación que están a padecer Serafín Rodríguez e Carlos Rivas. Entrambos pertencían ao ámbito do transporte e participaron na folga convocada neste sector, en 2008, en Vigo.

Dáse a circunstancia de que cada un deles era afiliado de cadanseu sindicato. Non cómpre facer fincapé en que o cometido principal das organizacións sindicais é a defensa e a promoción dos intereses laborais dos traballadores.

"Sen estaren acusados de actos violentos de ningunha caste, curiosamente, están imputados por un ‘delicto contra o dereito dos traballadores’". 

Sen estaren acusados de actos violentos de ningunha caste, curiosamente, están imputados por un ‘delicto contra o dereito dos traballadores’. A condena que lles corresponderá por isto, de execución iniminente unha vez emitida a sentenza, son tres anos de cárcere.

Ante esta circunstancia pouco cabe dicir, os feitos son xa elocuentes de seu.  Moitos son os sentimentos que pasan pola cabeza: abraio, indignación, carraxe, indefensión, impotencia, noxo... Sobre todo noxo!
Fraude, corrupción a grande escala, tráfico de influencias, nepotismo, prevaricación, aproveitamento dos bens públicos para intereses privados... están á orde do día por parte de boa parte das forzas valedoras do réxime instaurado.

Moitos representantes da elite sociopolítica dirixente son cómplices e responsábeis directos da miseria que sofre cada vez máis xente.

E, diante desta desfeita, como responde o poder establecido? Condenando, criminalizando dous obreiros, dous representantes da clase traballadora, que o único que fixeron foi exercer os seus dereitos de participar, con outras moitas compañeiras e compañeiros, nunha convocatoria de folga.

"Moitos representantes da elite sociopolítica dirixente son cómplices e responsábeis directos da miseria que sofre cada vez máis xente".

Deste xeito, ao tempo que se amedrenta, aínda máis, a poboación, téntase desvirtuar o labor das organizacións sindicais.

Nesta cruel circunstancia que lles afecta a estes dous compañeiros, o berro unánime dos sindicatos maioritarios é: “Non pode ser, non  pode ser; obreiros na cadea e corruptos no poder”.

A quinta feira 20 de febreiro viviuse unha xeira senlleira na reivindicación das liberdades individuais e colectivas do pobo galego. Coa exitosa folga convocada polo estudantado contra unha lei clasista, españolizante, privatizadora e confesional. Coa celebración, logo dunha contundente manifestación hai uns días, de concentracións demandando a liberdade para Carlos Rivas e para Serafín Rodríguez.

Se os representantes do goberno galego queren dar a ver que teñen algo de dignidade deben demandar do ámbito da chamada xustiza a concesión inmediata do indulto para estes dous traballadores.

"Se os representantes do goberno galego queren dar a ver que teñen algo de dignidade deben demandar do ámbito da chamada xustiza a concesión inmediata do indulto para estes dous traballadores".

A expresión máis atinada para rematar este artigo son os versos da composición “Non quedes agachado”, que formará parte do libro Aos bos e xenerosos, a piques de dar ao prelo. O seu autor é o poeta popular Lois Antón (Escudeiros, 1931), orixinario do mesmo espazo, as terras fértiles e ermas do concello de Ramirás, ao que pertence a familia do militante da CIG encausado.

Eis o contido completo do poema, que, malia levar escrito algúns anos, resulta de plena actualidade: “Obreiro se es honrado/e te podes defender,/nunca debes esquecer,/porque ti esteas empregado,/que na rúa hai un parado/con fillos e muller,/quizais sen ter que comer,/vivindo desesperado.//Para protexer o teu pan/procura estar asociado,/cos teus sempre vencellado,/que os patróns tamén o fan./Ti vai onde os outros van,/non quedes agachado,/ten en conta que un parado/podes selo ti mañá”.

Comentarios