Opinión

Masacre en Ucraína

Foi o xornalista polaco Ryszard Kapuscinski quen expresou aquela sentenza de que cando se descubrise que a información era un negocio a verdade deixaría de ser importante.

Isto, que é doado de ver a diario en múltiples ámbitos, plásmase directamente no contexto ucraíno. Por iso resulta imprescindíbel observar e analizar ben a realidade para definir con precisión o que acontece nela.

'Guerra en Ucraína' é o sintagma que se emprega de xeito habitual para nomear o que alí se está a malvivir. Dende o confort doméstico tecnolóxico podemos asistir, a través de imaxes e comentarios, en prime time a un denominado 'conflito bélico', cuxo sintagma fideliza os índices de audiencia e ao que cada mañá se lle engade, xa sobrepasada a centena, un díxito máis.

Porén, como afirma o escritor Luís García Montero, non se debe tratar un problema en abstracto, senón que o cómpre enxergar dende as eivas cotiás que lles afectan ás persoas concretas, de carne e óso, con nome e apelidos.

E así, diante dun show teledirixido de gran rendemento mediático no que calquera está autorizado para opinar, é el quen anota o concepto de 'piedade líquida'. O cal viría ser unha amálgama entre toma de conciencia e indiferenza, perante un cruento espectáculo ao que nos chegamos a habituar.

Mais, que acontecería de lles chamarmos aos feitos polo seu propio nome? Desbotando visións parciais, eufemismos ou estratexias diversas de encubrimento.

En vez de 'guerra', que semellaría connotar unha loita en condicións de igualdade, proponse formular outra expresión máis acaída á verdadeira situación.

Dado que a produción de mentiras é unha das actividades máis valoradas e mellor pagas para combater o fatalismo desmobilizador que coloniza a linguaxe, hai que liberar esta do conformismo e da manipulación. Consonte reclama Manuel Rivas na esperanza indócil do 'Manifesto Mayday'.

De tal xeito, de cualificarmos a invasión militarizada que sofre a Ucraína de 'masacre', ao mellor, enfócase con máis atino a práctica aniquiladora que alí se está a perpetrar.

Algo ben semellante, por certo, ao ocorrido aínda en datas non tan afastadas noutros lugares do planeta coma a área dos Balcáns, Iraq, Chechenia, Siria ou Afganistán.

Polo que o emprego do termo implica, entre outras vertentes, de exterminio masivo por parte dunha superpotencia económica e militar, de asasinato e violencia indiscriminada contra poboacións enteiras. Da conseguinte devastación dun extenso territorio, do esborrallamento completo de edificacións e modos de vida e do éxodo forzoso de millóns de persoas.

O que implica que cumpra cuestionar con ollada crítica o relato –inoperante ou de parte– aplicado dende puntos diversos, froito de evidentes intereses sociopolíticos ou económicos.

Xa sexa dende a dixestión mediática das fake news. Dende a irrelevancia dunha diplomacia ou duns organismos de xustiza internacionais aos que lles custa falar de 'crimes de guerra' pero non de 'diálogo'. Malia este non se producir entre iguais, senón baixo a coacción dos bombardeos. Dende a política de rearmamento intensivo occidental. Ou dende a tibieza dun slogan xeralista que entoa un aséptico 'Non á guerra'.

O historiador J. Mª. Faraldo, no recente Contra Hitler y Stalin analiza o papel da resistencia –custosa e inextinguíbel– emprendida, no seu momento, por maquis ou partisanos. E compáraa coa coraxe posta en práctica na actualidade por quen, na total hostilidade, está a erguer a bandeira da dignidade do pobo ucraíno.

O cal confirma a plena vixencia das verbas de quen tamén fora vítima da barbarie imposta por outro totalitarismo imperialista, a poeta de Odesa Anna Ajmátova: "Xuramos ante os nenos, ante as tumbas/que nada nos levará á derrota".

Entrementres non é mala estratexia encararmos a realidade dende un ángulo de visión exento de prexuízos. Lembrándonos daqueles profesionais da información –coma José Couso– que bateron coa brutalidade de tantos, asepticamente chamados, 'conflitos internacionais'.

Comentarios