Opinión

Isidro Novo

Tres anos despois do seu pasamento sae do prelo un volume que recolle o conxunto da produción lírica de Isidro Novo (Lugo, 1951-2018). Leva por título Poesía galega reunida (1991-2017) e son os responsábeis tanto da completa introdución coma da edición e das notas J. Luis Calvo Vidal e mais Yago Rodríguez Yáñez.

Tense acceso, desta sorte, a un amplo e vasto corpus dun autor senlleiro e abondo inclasificábel que, lonxe de mimetismos e propostas grupais, transitou, ao longo do seu percurso literario, por diferentes moldes expresivos, tanto no que respecta ao xénero elixido –no eido poético mais tamén no narrativo– coma á perspectiva dende a que parte o enfoque da súa escrita.

Permite, logo, o presente traballo termos acceso non só aos seus poemarios éditos –Dende unha nada núa (1997), Esteiro de noites falecidas (2007), CO2 (2017)–. Nun apartado posterior, titulado "Poesía dispersa (1991-2017)", recóllense textos esparexidos, ordenados e clasificados segundo criterios temáticos.

E, en derradeiro termo –e aquí reside, se callar, o valor superlativo desta obra–, un capítulo final, titulado "Poesía inédita", acolle outros títulos seus, coma Sinopse (Romance do presaxio) (2016), Sonetario impertinente, (Sen ramal), De tanto amar a Dores, alén dun conxunto de poemas soltos. Todo isto sen obviar un apéndice final, que leva por título "Antonio Novo Teixeiro: un Rimbaud que non se converteu en tal" e unha sinopse bibliográfica do autor lucense obxecto deste texto.

Paga a pena asemade coñecer "Algunhas reflexións sobre poesía", incluídas tamén neste libro, das cales a que segue é unha delas: "Considero que a poesía podería ser catalogada como os estados da materia: sólida, líquida e gasosa. Sería sólida a poesía tradicional popular, a do sempre mineral, líquida a que segue as correntes de moda, a convencional, a que convence a unha maioría durante un período de tempo e gasosa a que busca o seu propio camiño na inmensidade do baleiro, a que arrisca. Nesta na que eu me movo, o poeta debe aspirar a ver o que ninguén ve e a dicir como ninguén dixo. Debe de instalar a súa atalaia o máis lonxe posíbel do miradoiro común".

Interesante profundamento de alguén que ten como claves –tal como se sinala no estudo inicial– unha linguaxe persoal e avanzada, a indagación nos recantos da vida, malia a súa dureza, así como a percepción dunha unión indisolúbel entre as visións amorosa e social, as cales dotan o seu universo de alcance existencial. Sen que lle sexa allea a ironía ou o ton sarcástico aos seus versos. Un autor quen, nas aludidas reflexións poéticas, expresaba tamén que "Se tivese que dicir que poesía é a que me gusta, recorrería ao idioma do viño e diría que sendo importante o buqué, os matices da cor e o sabor que deixa no paso por boca, o que máis me interesa dela é o arrière-goût". O celme, en definitiva, ou mellor dito, o regusto do texto poético.

Comentarios