Opinión

Eliminación do monumento fascista en Celanova

Entre os retos imperiosos que a nosa sociedade ten que resolver está eliminar de vez os vestixios do franquismo. Así como en Alemaña pronto se emprendeu un proceso de desnazificación, aquí, camiñando cara a outro 36, pouco se leva andado para adiante.

Porque nos atopamos xa a quince anos do centenario dunha sublevación militar que deveu en golpe de Estado. A teor do cal se perpetrou un concienzudo xenocidio contra a metade da poboación.

Máis evidente en territorio galego, onde non houbo frontes de guerra, senón cunetas cheas de paseados. Coma o noso Furriolo, coto da contorna celanovesa convertido nun dos máximos expoñentes do exterminio.

Dende o Comité da Memoria Histórica da Comarca de Celanova promóvese a adhesión da sociedade civil para a eliminación dun monumento fascista no outeiro da vila.

Situado no Monte da Obra, foi inaugurado, en homenaxe dos “caídos”, en agosto do 39. Mandárao construír a sanguinaria unidade paramilitar falanxista chamada “Bandera de Marruecos”.

Numerosos particulares e colectivos se levan adherido a esta xusta causa. Mais cómpre que sexamos moitos máis os que validemos esta proposta que, coma outras desta índole, reivindica a esencia mesma da democracia. Para o facer abonda con deixar os datos na seguinte ligazón: http://forms.gle/a2v7c8G4M5Mhf4HH7

Afeitos a ouvir a diario, por parte da dereita hexemónica –e dos seus medios de amplificación–, que se condenen tales ou cales feitos ou declaracións, resulta abraiante reparar nunha realidade incuestionábel. Aínda sen acometer.

É ese mesmo sector da clase política quen se ten que distanciar, alto e claro, de todo o que significou o franquismo. Sen se desculpar no “agora non toca, hai outras prioridades” nin se abandeirar baixo escuras terxiversacións.

Condenar o franquismo, non só polo atraso e a miseria que trouxo consigo, causante do exilio e da emigración masiva. Porque segue a haber moreas de asasinados na impunidade dos que nin se sabe o paradoiro. Dado o que nin sequera puideron ser recuperados os restos polos seus seres queridos.

Porque segue a haber milleiros de familias que ficaron por completo desamparadas. Sen, a día de hoxe, gozaren de ningún recoñecemento público. Nin tan sequera de ningún acto simbólico  –por parte do conxunto da clase política democrática– de restitución dos seus nomes, da súa dignidade, do seu alto sacrificio.

Ao que ademais lle hai que engadir que existe unha lexislación vinculante, a Lei de Memoria Histórica, que hai que cumprir. Sen consentirmos a pervivencia de símbolos de dominación e humillación. E transformándoos en espazos de memoria, liberdade e encontro social.

Nesta dimensión lembramos os versos do poeta que definiu con nome inmorredoiro a Longa noite de pedra: “Direiche tan só/que te lembramos/que precuramos/seguirche os pasos,/mais por outros camiños que non/os bosques dos coitelos afiados”.

Comentarios