luns 20.01.2020

Contra Todo Isto

 

Nunha carta, de 1872, escribíalle Gustave Flaubert a Iván Turguéniev: “Sempre procurei vivir na miña torre de marfil, pero unha marea de merda bate os seus muros até o punto de derrubala”. En 1922 o inconformismo duns mozos galegos -Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro-, en Máis alá!, facía unha chamada iconoclasta á mocidade intelectual da nosa terra.

Contra Todo Isto é un manifesto rebelde do que é autor Manuel Rivas. Ve agora a luz, en forma de libro, e recolle un bo conxunto de traballos mostra do labor, constante e comprometido, deste escritor, en publicacións coma a revista Luzes ou, entre outros, con colectivos para a recuperación da memoria republicana.

Porque o réxime mundial da distopía non deixa de agrandar, día si e día tamén, o proceso de descivilización. Xornalismo e literatura van, entón, da man en cada unha destas páxinas para pór en evidencia este ben fundamentado aserto: “Hoxe a maioría dos que se consideran intelectuais influentes forman parte do gran partido conformista, son activistas do retroceso”.

O réxime mundial da distopía non deixa de agrandar, día si e día tamén, o proceso de descivilización

 

Cara ao remate deste curso escolar, logo de lle botaren unha ollada á primeira parte desta obra, propúxenlle a algún alumnado que escollese un capítulo do dito manifesto. A lectura máis avisada non dubidou en elixir aquel que principia “Todo Isto é a crecente mercantilización e burocratización do ensino”.  A argumentación desta escolla resultoulle ser ben doada: “Todo Isto é o descrédito do ensino público, até agora o mellor hábitat para a esperanza”.

Cómpre enxergarmos xaora a materia tratada dende unha perspectiva actual -isto é, xa instalados no novo contexto político xurdido, no conxunto do estado, após a moción de censura que botou, hai ben pouco, a dereita do poder central.

Nesta ilusionante nova conxuntura de posíbeis, será ben termos en conta, xa que logo, algunha das formulacións que exhibe este tratado de boas prácticas. Deseguido enuméranse algunhas das máis efectivas. De primeira, substituír, como indicador da riqueza dun país, o PIB por unha forma de medir o Balance do Ben Común.

Outra suxestiva proposta debe ser acabar co denominado “despotismo ilustrativo”, consistente este en que “o pobo é soberano sempre que non faga uso da súa soberanía”. O mesmo que cabe dicir para o caso do “supremacismo machista”, que “cambalea cando a muller non acepta o estado de docilidade”. E, por suposto, contribuírmos a que fique abolida a “síndrome de Creonte”, visíbel ao declarar culpábeis quen defende a dignidade das vítimas.

“As frases máis terríbeis son talvez as que disimulan a crueldade da súa intención cunha aparencia de simpleza”, sinálase nun destes artigos. Eis unha mostra, tirada destas mesmas páxinas, á que cómpre pórlle tamén apremiante remedio: “Deberían, deberiamos deixar a luz prendida. Aínda que nas aldeas non quedase ninguén, deixar nas casas unha lámpada acesa. Para que os animais do monte non se visen sós. Para enganar o baleiro”.

Outra suxestiva proposta debe ser acabar co denominado “despotismo ilustrativo”, consistente este en que “o pobo é soberano sempre que non faga uso da súa soberanía”

 

O papel da escritura debe ter presente a apelación, que José Saramago escribiu nas memorias do poeta Marcos Ana, á necesidade de  derrotar o cinismo, a indiferenza e a covardía.

Daquela é preciso superar a fase do denominado “xornalismo espectral”, que versa na arte de saber ler entre liñas. A que, dende, polo menos, a época de Roberto Blanco Torres -quen mesmo mantivo unha sección, no xornal vigués Galicia, titulada “Entre Paréntesis”- se consolidou durante toda o longo período da ditadura.

E, neste sentido, para nada debe ser menor a tarefa do xornalismo, definido, nas páxinas desta obra de Manuel Rivas, como ese espazo ecolóxico que preserva o medio democrático. Velaí, entón, a súa función e a súa inmensa valía.

comentarios