venres 03/12/21

Benvidos á cidade

En 1945 George Orwell establecía unha aguda parábola política, centrándose nas consecuencias do totalitarismo, a través dun satírico ‘conto de fadas’ titulado Animal Farm —A revolta dos animais—. De xeito análogo, e con estes protagonistas como pano de fondo, o escritor Xurxo Sierra Veloso formula unha interesante reflexión na súa última achega narrativa. A partir dunha tan planificada como arroutada acción, a liberación de milleiros de visóns das súas gaiolas, no transcurso conflitivo da trama irase producindo unha catarse que deixe ao descuberto unhas incuestionábeis costuras sociais.

O tratamento paródico no relato se callar sexa unha marca de estilo, xa ensaiada con anterioridade, deste autor. Na presente obra, esta perspectiva, paira ao longo da narración.

Isto ponse en evidencia de diferentes maneiras. Podería repararse, así, nas forzas desencadeantes da acción. Un autodefinido comando de liberación animal, que amalgama un repertorio de curiosos elementos. Os cales abalan entre dimensión capitalista do alter ego elixido para nomear cada integrante daquel grupo e o agocho cutre e autóctono no que acabarán escondéndose.

De máis calado semellan os alicerces dun modus operandi que, a medida que transcorre o relato, provocan o cuestionamento do fundamento que o promove. Podería resumirse isto alegando que a unha fuxida covarde dos ideólogos lle habería que engadir a febleza de principios dos executores, nos que prevalece unha inconsistente dimensión adolescente.

Quen, ademais de non valoraren de forma acaída as consecuencias dos seus actos, incorren en numerosas incoherencias e contradicións. Talvez puidese servir como trallazo definitorio da súa frivolidade unha sentenza que fica baleira de contido: “as grandes revolucións precisan actos simbólicos que lles dean agromo e poesía”.

á cidade exhíbenos as regras de xogo dunha sociedade burguesa na que tanto a expiación do crime coma a asunción do castigo varían en función dunha complexa escala de valores. Nela aparecen como vías de escape fronte á falla da adopción de responsabilidades diversas prácticas. Como poden ser o nepotismo, a evasión, o tráfico de influencias, a coacción ou a destrución de probas.

Mergullados nun clima de pánico social, fronte á salvagarda do que, ante todo, debería ser procurar a seguridade cidadá, saen a relucir os intereses económicos: “Acaba de dicir que xa hai mil visóns mortos? Iso implica mil balas, polo menos, xa se sabe que moitos dos seus axentes asegundarían o tiro por se acaso. Que presuposto aguanta ese gasto?”.

A medida que nos adentramos neste conglomerado humano vaise zopando cun escenario de falsas aparencias. No que a explotación capitalista amosa as súas fauces, tanto na modificación xenética de animais coma na xestión de granxas de vellos. Fronte a isto, como contrapunto, abrolla o poder emancipador das relacións afectivas interpersoais.

Benvidos á cidade
comentarios