Opinión

A xente da Barreira

Con este título de Carballo Calero reanimábase o pulso exangüe da literatura galega, tres lustros despois do inicio da barbarie incivil na Galiza.

Xa que acada o relevo de ser a primeira obra narrativa editada en galego na posguerra franquista. Xusto quince anos despois de que o sangue e as armas tronzasen o vizoso obradoiro editorial da Época Nós.

O que ocasionou que desde que Otero Pedrayo, en 1936, publicase O mesón dos ermos non vise luz ningunha narración máis até esta, da man de Bibliófilos Gallegos, en 1951.

Neste relato exemplifícanse algúns dos trazos máis característicos dos cultivadores dunha produción narrativa interrompida con brusquidade e a que lle había custar ben despegar.

Un é o feito de retomaren o contacto literario co público a unha idade xa madura –entre os 71 anos de Victoriano Taibo e os 40 de Carballo Calero–. Outro é a ampliación de rexistros literarios, co cultivo agora da narrativa, logo de dedicarse antes a outros xéneros.

En conversas con Carmen Blanco afirmaba o autor que se podería considerar esta unha novela neorrealista, malia os personaxes pertenceren ao mundo rural.

Isto conecta con outro trazo –de xorne temático– da narrativa galega de posguerra, que é o discontinuo abalar entre tradición e renovación.

Así esta obra –fronte a outros títulos de vontade anovadora– formaría parte dunha dirección caracterizada pola persistencia de moldes narrativos anteriores, de preguerra. O que determina que non sexa infrecuente nas súas páxinas ir dando con fórmulas e valores comúns na obra do autor de Trasalba.

De quen apuntaría, na Historia da literatura galega contemporánea, que ninguén abordara con tal luxo de perspectivas a tarefa de recrear de modo literario o ser cultural e natural do país.

A vindicación oteriana enxérgase tanto na escolla da materia tratada como no enfoque de a presentar. Un relato tradicional que dá conta do mosaico de axentes que, ao longo de diversas xeracións, van pondo en evidencia o ocaso dunha sociedade labrega rural.

Cuxa imparábel transformación trae consigo uns novos valores, o esmorecer das vellas clases sociais rectoras e a a emerxencia doutras novas –plasmábel na decrepitude da fidalguía fronte ao advento da burguesía– ou o cambio dos polos do progreso, co conseguinte abandono e desvalorización do mundo rural fronte ao espellismo do urbano.

Nesta sociedade en cambio irremediábel exhíbense tamén outras notas sociais. Entre as sobranceiras pódense apuntar tanto a submisión a un poder político centralista e alleo aos intereses da terra coma o papel secundario da muller nunha sociedade netamente clasista.

Os escenarios contribúen no desenvolvemento da trama á contraposición de mundos. De sur a norte, do vello e señorial ao novo e moderno. Desde Gomesende á Barreira asístese a unha crítica e analítica esculca polo territorio. Á que non lle é allea a sentenza “Toda Galiza vai nela!”.

Comentarios