Opinión

A vella política de “Ciudadanos”

O proceso de selección de candidatos levado adiante polo novo partido “Ciudadanos”(C´s) en Galicia demostrounos de vez como se repiten os vicios e esquemas da vella política nunha nova alternativa.

O proceso de selección de candidatos levado adiante polo novo partido “Ciudadanos”(C´s) en Galicia demostrounos de vez como se repiten os vicios e esquemas da vella política nunha nova alternativa. Dous días antes de rematar o prazo de presentación de candidaturas, a dirección estatal do Partido desbotaba a súa presentación n’ A Coruña ao considerar que non existía abonda madurez organizativa, malia contar cunha dirección local nomeada democráticamente, incluída a farmacéutica Lola Plata para o cargo de voceira local. O mesmo consideraba a respecto de Ferrol. A Albert Rivera preocupáballe daquela dar unha imaxe de dar as medras de xeito  improvisado e sen as bases axeitadas.

"Mais a fin de semana anterior viviu unha intensa actividade para pechar estas candidaturas, que moitos vencellan ás prorpias necesidades dos alcaldes populares  da Coruña e Ferrol".

Mais a fin de semana anterior viviu unha intensa actividade para pechar estas candidaturas, que moitos vencellan ás prorpias necesidades dos alcaldes populares  da Coruña e Ferrol. Porque, conscientes do lonxe que estarían da maioría absoluta, cifrarían na presentación de C´s a derradeira oportunidade de manter cadansúas alcaldías. Esta lectura motivou unha enxurrada de presións para concretar as candidaturas de C´s. Hai quen mesmo afirma que algúns dos mentores financeiros e mediáticos de Albert Rivera posicionáronse de xeito significativo para que se presentasen estas candidaturas.

Deste xeito, designáronse dende a dirección estatal e á marxe da vontade dos afiliados locais aos candidatos da Coruña e Compostela. Decisión propia do peor “centralismo dedocrático” que non se salva nin polos evidentes méritos profesionais e políticos do candidato compostelán, único dos que presenta o partido na Galicia con certa dimensión e experiencia social.

"C´s non respecta ás súas bases locais para elixir candidatos e acredita só no “ordeno y mando” da súa dirección estatal e C´s non acredita nas eleccións locais como procesos substantivos e autónomos"

Do ocorrido tíranse dúas conclusións claras: C´s non respecta ás súas bases locais para elixir candidatos e acredita só no “ordeno y mando” da súa dirección estatal e C´s non acredita nas eleccións locais como procesos substantivos e autónomos, supeditándoos ao proceso das vindeiras eleccións xerais.

Canto ao contido das súas escollas, C´s non se poderá sorprender que moitos digan que semellan a marca branca do PP. Porque, polo menos nos casos da Coruña e Ferrol, semella que seguiron máis o interese deste partido ca o seu propio.

                 

Comentarios