Opinión

Traballar máis e falar menos

O Goberno do PP de Núñez Feijóo na Xunta foi ineficaz, cando non tendeu á inacción, malia contar un relato abertamente propagandístico que lle bota sempre a culpa aos Outros, dende o bipartito até a Podemos. Ao PP góstalle falar, mesmo manexan ás veces a xeito as claves discursivas. Mais non gosta do traballo. En grande parte porque non lle ven utilidade. Non acreditan na xente deste País e prefiren quedar ben co capitalismo de amiguetes de Madrid. 

Mais hoxe é probábel que unha alternativa plural retire Feijóo de Presidente. O que podería reverter a deriva de sete anos de dereita española para construír unha política de crecemento e reindusdustrialización, desenvolver a investigación e innovación ou vertebrar o territorio. Todo para crear máis e mellor emprego e conseguir que a xente nova que marchou volte. Para xerar un futuro que hoxe non se albisca.

Mais as alternativas tampouco se constrúen só coa palabra, con ser ésta importante. Compre atraer o mellor coñecemento das necesidades dos galegos. O que supón contar, ao tempo, con xente nova de ideas novas e con xente de experiencia e práctica contrastada. A alternativa que eventualmente asuma o Poder galego no 2016 non pode fallar. É bastante previsíbel que, canda os votos, se confíe tamén un depósito de ilusión. Cómpre non traizoalo.

A alternativa que eventualmente asuma o Poder galego no 2016 non pode fallar. É bastante previsíbel que, canda os votos, se confíe tamén un depósito de ilusión

Non sería admisíbel enlamarse no “falar moito, facer pouco” do PP  sen contar coas súas armas comunicativas e de achegamento social. E hai riscos nese senso. Non se trata de xestionar dun xeito continuista, senón de desenvolver unha xestión transformadora consonte cun proxecto de País. Mais o día a día ten que funcionar a xeito, si ou si. As primeiras persoas en se decatar das insuficiencias xestoras dos gobernos do cambio son precisamente as que os votaron.

Precisamente, o galeguismo político, en toda a súa pluralidade, é quen conta coa meirande parte deste coñecemento, desta experiencia e mesmo desta xente anovadora. Non por ser os galeguistas máis listos ca os outros, senón por dedicar as súas angueiras ao estudo dos problemas e solucións do País como centro de referencia. E por contar cun proxecto de País. Esta realidade permite enfrontar as dúbidas e inquedanzas expostas con certa confianza.

Comentarios