Opinión

O sentido do aforamento

O xa fracasado pacto de investidura entre PP e C’s incluía a supresión xeralizada dos aforamentos para os representantes institucionais e cargos públicos e xudiciais, incluídos os previstos no Estatuto de Galicia. Unha previsión ben chocante, xa que o aforamento dos deputados e conselleiros galegos é materia estatutaria que non pode ser regulada dende Madrid. Neste e noutros aspectos claramente recentralizadores do fracasado pacto advírtese que os partidos unionistas sonlles supostos constitucionalistas moi pouco respectuosos da Constitución e do Estatuto.

Mais, para alén do indiscutíbel dereito a decidir de Galicia sobre se afora ou non os seus deputados e conselleiros, cómpre avaliar se segue a ter sentido hoxendía esta institución, xurdida para lle garantir aos parlamentarios protección no seu discurso e acción fronte a eventuais prendementos por parte dos axentes de El-Rei ou dos estamentos xudiciais, fortemente vencellados ao Poder Real. É dicir, a institución do aforamento non naceu como privilexio do deputado, senón como garantía obxectiva da súa función. A cidadanía quería que os seus representantes tivesen protección fronte aos abusos do poder e, xa que logo, deulles inviolabilidade e unha canle procesual para que as acusacións contra deles fosen xulgadas por un Tribunal colexiado, que puidese xulgar estas persoas de xeito máis equilibrado.

O aforamento dos deputados e conselleiros galegos é materia estatutaria que non pode ser regulada dende Madrid

Velaí por que, no caso do aforamento e no caso tamén das retribucións dignas no exercicio da función representativa, é a cidadanía quen gaña, sobre todo se avaliamos o grande poder suxeito a poucos controis dos lobbies e grandes corporacións. No caso de Galicia, ademais, a Sala do Penal do Tribunal Superior de Xustiza semella un órgano acaído para o axuizamento dos deputados e conselleiros, tanto pola experiencia dos seus maxistrados como polo seu carácter colexiado e achegado ao País.

Certo é que, nalgúns casos, os propios políticos interveñen indirectamente no nomeamento de maxistrados dalgúns Tribunais que xulgan aforados, nomeadamente no caso do Tribunal Supremo. Mais semella que a solución, alén de suprimir os aforamentos, sería a de despolitizar o Tribunal Supremo, modificando a elección dos seus membros e os do Consello Xeral do Poder Xudicial. 

Comentarios