Opinión

A revolución do sentido común

A fin do ciclo do até de agora presidente Núñez Feijóo

A fin do ciclo do até de agora presidente Núñez Feijóo está a acadar cotas moi intensas de desleixo cara ás necesidades econòmicas do país e mesmo de descomposición política entre as bases electorais da dereita. Porque os impactos que a crise do sector lácteo ten sobre a economía vilega da Galicia interior e o paralelo da crise do sector cerqueiro sobre a economía vilega da Galicia costeira semellan non ser entendidos polo Goberno de San Caetano, malia que os seus alcaldes e referentes locais coñezan ben que é o que está a pasar.

Iniciativas como unha lei de acuicultura que quere entregarlle o control das rías a grandes multinacionais acuícolas en prexuizo do sector mexilloeiro afondan na desafección entre esas bases populares. No derradeiro trimestre do 2015, Galicia é o territorio onde máis medrou a desconfianza empresarial (3,2% fronte ao 1,3% estatal). O balance de sete anos de goberno do PP é menos renda, menos actividade empresarial, peores servizos públicos, inacción na defensa dos nosos intereses e absoluto abandono dos nosos sectores económicos estratéxicos.

Prometer unha revolución social mañá pola mañá nin é o que quere a xente nin vai xerar máis que frustración

É evidente que está aberta unha xanela de oportunidade para outra maioría parlamentaria en Galicia, mais os seus axentes haberían ler ao xeito os sinais de cansazo e desafección social e non caer no wishful thinking. A corrupción xeralizada e o empobrecemento das clases medias esixen que a alternativa de goberno entenda ben os valores da transparencia, da participación política e da rexeneración democrática, nun contexto estatal de cuestionamento dos pactos da transición. Mais a xente o que quere son solucións. E as solucións esixen ter o País cartografiado, manexar programas sectoriais e globais, moreas de sentidiño e capacidade contrastada de xestión transformadora.

Porque prometer unha revolución social mañá pola mañá nin é o que quere a xente nin vai xerar máis que frustración. A revolución que cómpre é a do sentido común. A do patriotismo e a inclusión e cohesión sociais. A da eficiencia na transformación  económica.  A dunha gobernanza que substitúa o enfrontamento que sementou o PP estes sete anos pola concertación e o consenso.
 

Comentarios