Opinión

Os recurtes sanitarios matan

Nestas mesmas páxinas de Sermos Galiza publiquei, o 19 de xaneiro e o 16 de febreiro de 2015, cadanseus artigos nos que advertía da grave deterioración da sanidade galega por mor dos recurtes e denunciaba que o PP rexeitaba en sede parlamentaria  financiar o novo tratamento farmacolóxico da hepatite C por razóns económicas. Había cartos para promoción taurina ou para as Deputacións e non para salvarmos as vidas dos doentes.

Sinceiramente eu propio descoñecía a dimensión tráxica da realidade.  Porque, mentres tal escrebíamos e debatíamos, o 10 de febreiro de 2015 morría á temperá idade de 72 anos Isolina, unha cidadá coruñesa, á quen se lle negou este tratamento dende xullo do 2014, cando recaeu na súa recorrente doenza até xaneiro de 2015, cando se lle autorizou xa tarde de máis para evitar a súa morte. Mais, á vista da denuncia penal da Fiscalía, semella que hai varios casos mortais canda o de Isolina.

Un médico da categoría humana e profesional do Dr. Varo (CHUS), con corenta anos de cumprimento do xuramento hipocrático, denunciou abertamente que foron os responsábeis do Sergas os que negaban os tratamentos e que por esas negativas morreron varias persoas. “Tiñamos o OK do laboratorio en vinte e catro horas e a Xunta atrasábase até sete meses”. Velaí a pouca credibilidade do Presidente Feijóo, quen semella ser o único que desvincula os recurtes da austeridade coa deterioración da calidade sanitaria, ao tempo de lle botar a culpa aos médicos. Vivimos nun País cun dos Presidentes que mellor sabe botarlle a culpa aos outros.

Un médico da categoría humana e profesional do Dr. Varo (CHUS) denunciou abertamente que foron os responsábeis do Sergas os que negaban os tratamentos

O asunto é dunha gravidade extrema. No pacto social confíamos no Poder para que garanta a nosa vida e a nosa saúde. Agora vemos que os axustes orzamentarios da austeridade, negando os tratamentos da hepatite C ou xubilando aos médicos con 65 anos, afectan directamente á prestación sanitaria e, en último de contas, á calidade da nosa saúde.

Non gostei daquelas verbas de Beiras no 2012 sobre os efectos mortais dos recurtes por se me asemellar excesivamente simplistas. Agora lle recoñezo a razón que tiña.

Comentarios