Opinión

Recentralización e involución política

No Estado español sempre foron unidos os procesos de democratización e avance nas liberdades e os de recoñecemento do dereito ao autogoberno das nacionalidades. Velaí as experiencias das dúás Repúblicas e a transición  até o golpe de Estado do 23-F, aproveitado para reconducir  á baixa o autogoberno galego, catalán ou vasco e para acoutar a democracia nas canles só representativas, nunca participativas do bipartidismo dinástico.

Para Galicia, asemade, coinciden os periodos de democracia, liberdade e autogoberno cos de benestar económico e progreso social e cultural e as longas noites de pedra do dependentismo, do centralismo e do autoritarismo co atraso económico, anomia social e páramo cultural. Só o autogoberno garante o benestar, porque somos pouco máis do 5% do PIB e da poboación estatais e porque os nosos alicerces económicos son secundarios para españa.

A maioría absoluta do PP de novembro do 2011 e a crise económica foron o pretexto perfecto para desenvolver un intenso proceso de recentralización fronte ás autonomías e os concellos

Dende 2006 Rajoy, axudado e mesmo pulado por UPD e despois por C´s enfrontou o afondamento do autogoberno das nacionalidades dende o recurso ao Estatut de Catalunya, aprobado pola cidadanía catalá no 2006, acadando o seu obxectivo de anulalo parcialmente coa sentenza do Tribunal Constitucional de xuño do 2010. Unha sentenza que marcou o punto final a respecto das posibilidades de evolución cara un Estado plurinacional da Constitución do 1978, nas que moitos acreditabamos.

A maioría absoluta do PP de novembro do 2011 e a crise económica foron o pretexto perfecto para desenvolver un intenso proceso de recentralización fronte ás autonomías e os concellos (novas leis de modernización de gobernos locais, educativa e de educación), que coincide cun decidido pulo á privatización de servizos públicos a prol dos grandes lobbies construtores-concesionais e cunha política de recentralización económica a prol dos grandes capitais multinacionais e estatais e contra a urdime de pemes galegas (anulación do concurso eólico, recuperación das competencias autonómicas en enerxía, contratación pública orientada a grandes operadores que exclúe na práctica ás empresas locais…).

A doutrina recentralizadora acompáñase da involución política no eido das liberdades (lei mordaza, tendencia á criminalización da discrepancia co sistema dinástico…) e acada a máxima expresión na negativa do sistema dinástico -agora tripartito- a toda evolución que recoñeza a plurinacionalidade española, dándolle unha saída política á cuestión catalá.

Comentarios