Opinión

Putin é culpábel

É indubidábel que Vladimir Putin deu orde de desenvolver contra a Ucraína unha guerra total e xeneralizada, que atenta non só contra obxectivos militares, senón tamén contra obxectivos civís —mesmo escolas e complexos residenciais—. Para máis, o seu discurso autoxustificativo amosou grandísimas feblezas dialécticas. Se antes a culpa era da expansión da NATO e da vulneración polo Goberno ucraino dos acordos de Minsk de 2014 e 215, o mércores 24-F Putin negáballe á Ucraína o dereito á súa existencia como Estado, pretextando unhas fronteiras (adoptadas hai agora cen anos, cando a República Socialista da Ucraína foi cofundadora da Unión Soviética) que seica incorporan millóns de rusófonos ao Estado ucraino rexido dende Kyiv.

Vaia por diante que as políticas de expansión da NATO cara ás fronteiras rusas dende a implosión da Unión Soviética (1991) contribuíron incrementar substancialmente o nacionalismo agresivo ruso e que, nun xogo de equilibrios de poder nun mundo multipolar, semella pouco seguro para Rusia que despeguen avións norteamericanos ou españois de bases nas Repúblicas bálticas. Tampouco deixa de ser verdade que na Ucraína conviven millóns (quizais até un terzo) de rusofalantes  e que moitos destes considéranse máis próximos aos seus veciños de Rusia e Belarús. Sen dúbida a Ucraína ( independente dende 1991) non soubo ou non quixo construir un Estado federal que recoñecera o bilingüismo nas rexións orientais rusofalantes e hoxe Rusia é para millóns de persoas ucraínas do leste un referente máis próximo ca Kyiv. Tampouco fixo moito por clarexar  supostas mortes e abusos de extremistas ucrainos como o chamado Batallón Azov, malia que tampouco contemos con probas obtidas de xeito independente da responsabilidade dos Gobernos ucrainos e moito menos do actual do Presidente Zelensky.

Unha orixe común, un desenvolvemento ucraino subordinado a Moscova.

As actuais Rusia, Belarús e Ucraína naceron do Rus de Kyiv, fundado na segunda metade do século IX polo varego de orixe escandinava Rurik. A Rus de Kyiv constituiu o principal Estado eslavo na Europa oriental até a súa destrución pola invasión dos mongois no 1246. Despois, a sé do Patriarca de Kyiv pasou á actual Rusia, primeiro a Wladimir e despois a Moscova, gobernado como principado por descendentes de Rurik até a chegada dos Romanov a primeiros do século XVII. Nestes anos o principado cconverteuse en tsarato de Moscova, para se converter no Imperio ruso co tsar Pedro, fundador de San Petersburgo, a primeiros do século XVIII.

Nese século XVIII comezou a política tsariana de rusificación de Ucraína,  moi potenciada na segunda metade do século XIX por unha nova ondada imperialista que abrangueu tamén Finlandia, Suecia, Lituania, Letonia e Estonia, chegando negar o Goberno ruso a existencia dunha lingua ucraina (1863) e prohibir a impresión de novos libros nesa lingua  (1876).

O nacionalismo ucraino xurde a finais do século XIX e primeiros do século XX como reacción defensiva e popular, diante desta opresión rusificadora e da traizón das elites ucrainas, totalmente rusificadas na altura. Deste xeito, logo da caída do Imperio ruso proclamouse a República popular de Ucraína, que reacticvou o sentimeento nacional e o autoaprezo pola lingua do País. Porén entre a república polaca de Pilsudski (que anexou parte da Ucraina occidental) e os bolcheviques liquidaron esta  experiencia de goberno democrático.

A nova República Socialista Soviética de Ucraína (1922) foi cofundadora da URSS e remaneceu dirixida até 1932-33 por bolcheviques ucrainos defensores da autonomía do país e a oficialidade e prestixiamento da súa lingua. Mais esta política foi revertida polas purgas de Stalin entre 1932 e 1933, que decidiu  apostar pola rusificación dende a consideración do nacionalismo ucraino (de orixe esencialmente popular, como xa dixemos) como “burgués”. Este proceso coincide históricamente coa morte por fame de millóns (uns catro millóns, segundo avaliacións conservadoras) de persoas ucrainas, privadas de alimento por requisas do Goberno de Moscova nun proceso políticamente consentido (o chamado Holodomor) que tiña por obxectivo oficial a colectivización da rica agricultura ucraina.

Comentarios