Opinión

Prexuizos da centralización aeroportuaria

O sistema de xestión dos 46 aeroportos españois chamados “de interese xeral” é  o máis centralista e dos máis  ineficientes da Europa, como ben ten sinalado adoito o profesor da USC Rubén C. Lois. Unha axencia estatal, AENA, asume o monopolio das decisións políticas e administrativas, sen participación ningunha das Administracións autonómicas nin locais e dos axentes principais da sociedade civil, o que é absolutamente atípico no mundo occidental todo.

Este grao de centralización é a ferramenta fundamental para dous procesos que decorren xuntos: a progresiva privatización dos servizos, entre eles o de seguranza aeroportuaria (como veñen de denunciar os sindicatos da Garda Civil) e a contratación por xunto destes servizos dende o nível estatal, favorecendo ás grandes empresas do núcleo duro construtor-concesional do “capitalismo castizo e do BOE” e prexudicando a consolidación de empresas locais de servizos, o que é nomeadamente agresivo no noso país.  Esta concentración na contratación dos servizos deteriora os soldos e as condicións de traballo e fai minguar exponencialmente a calidade do servizo prestado, ademáis do absurdo de sofrirmos de servizos de loxas, cafetaría, restaurantes, aparcadoiros ou handling deseñados coa mentalidade de  Madrid-Barajas.

O sistema de xestión dos 46 aeroportos españois chamados “de interese xeral” é  o máis centralista e dos máis  ineficientes da Europa

Por outra banda, que uns señores de AENA ou do Ministerio de Fomento adopten en Madrid as decisións sobre os aeroportos galegos non ten sentido económico ningún, agás que se use para crear espazos competenciais exentos ao Poder autonòmico que servan de freo á xestión unificada do territorio e de panca para atender intereses do Estado que non coinciden cos intereses galegos. Neste senso, foi moi instrutiva a experiencia do aeroporto barcelonés do Prat, que achega máis do 50% do beneficio de AENA. Cando estaba a piques de se converter nun competidor ao “hub” intercontinental de Madrid-Barajas xurdiron problemas laborais no colectivo do servizo de seguranza privatizado e problemas de falla de dotación de efectivos policiais estatais. Problemas que, por certo, non existiron no aeroporto madrileño.

A Galicia úrxelle mudar de modelo e asumir de vez a competencia para xestionar os seus aeroportos. Como, tamén, o resto das súas infraestruturas viarias e portuarias.

Comentarios