Opinión

O noso dereito a decidir

En Marea defendeu o dereito a decidir de Galicia no debate de investidura de Pedro Sánchez e éste, demostrando a súa boa crianza, asombrouse de que ata Galicia fale de autodeterminación, coma se nós estivésemos predestinados a xogar sempre na terceira división. Ao tempo, foron algúns os que reaxiron manifestando que o debate non debería ir por aí, porque Galicia ten moitas outras prioridades.

Certo que Galicia ten graves prioridades, canto á recuperación da súa industria, ao fomento da investigación e innovación, aos seus sectores produtivos maduros (lácteo, mar-industria, monte-industria) ou á súa vertebración territorial. Pero o que en economía para Galicia é prioritario, para España é prescindíbel. Velaí a relación directa entre a cantidade e calidade do autogoberno e o benestar da nosa cidadanía.

Cederlle a outra ou outras o control e decisión sobre as nosas vidas é limitante e, probabelmente, pouco interesante no persoal e no económico

Mais a cuestión do dereito a decidir vai máis aló. Os seres humanos definímonos como persoas decidindo dende a autonomía persoal. Prolongar a minoría de idade, estender a tutela…manca o noso desenvolvemento. E son abondos os casos en que o titor confunde os seus intereses cos do tutelado. Cederlle a outra ou outras o control e decisión sobre as nosas vidas é limitante e, probabelmente, pouco interesante no persoal e no económico.

Cos países e territorios vén pasando algo semellante, agravado porque as redes de coidados e solidariedade non existen do xeito que existen entre persoas e familias. O dereito a decidir é a ferramenta para solucionar os problemas sociais e económicos deste intre histórico que vive Galicia. Porque o grao de autogoberno de Galicia habería pactarse co Estado e nunca ser imposto por éste. Se non se recoñece esta cuestión non se poden abordar as solucións para “as cousas de comer”, xa que non existirán os vimbios xurídicos e políticos para remunerar a xeito a nosa enerxía, garantirmos o financiamento dos nosos servizos, xestionar no noso interese os portos e aeroportos ou definir unha política industrial eficaz.

Ou sexa que si. Que o dereito a decidir define directamente o noso “status” e o noso benestar. Mais hai quen prefire ficar na casa paterna toda a vida e pedir unha reducida paga até esmorecer.

Comentarios