Opinión

A normalidade das coalicións

Nos países máis avanzados da Europa democrática as maiorías absolutas son insólitas. E despois das eleccións, os seus analistas e xornalistas adoitan dicir que a cidadanía pediu que os partidos negocien e pacten entre eles para definir un programa de goberno.

Nos países máis avanzados da Europa democrática as maiorías absolutas son insólitas. E despois das eleccións, os seus analistas e xornalistas adoitan dicir que a cidadanía pediu que os partidos negocien e pacten entre eles para definir un programa de goberno.

"Os partidos que laian seguido por eses supostos (e falsos) pactos entre perdedores máis ben haberían mirar a súa falla de aptitude para chegar a acordos postelectorais con outras forzas".

No Estado español as maiorías absolutas son menos insólitas, por mor do inxusto sistema D’Hondt, que prima ao gañador, de xeito que se teñen acadado maiorías absolutas do  só un 42% dos votos. E esta menor excepcionalidade, xunto coa falla de cultura e praxe democrática, xera continuas descualificacións das coalicións postelectorais. Algúns mesmo atrévense a dicir que son “contra natura” ou que van contra a vontade da cidadanía, porque presuntamente o cidadán votaría polo partido B, pero non pola coalición do partido B co C.

Estas teorías non resisten a menor análise a serio. A persoa que vota xa se representa a dificultade de que o seu partido acade a maioría absoluta e no seu voto vai implícito un mandato ao seu partido para que negocie un programa de goberno coas forzas máis afíns. E, de non ser posíbel, para que controle dende a oposición ese goberno. O fracaso relativo da eventual coalición (máis ben a conciencia subxectiva do elector de que a coalición non cumpriu as súas expectativas) determinaría o castigo ao partido votado na seguinte elección. É a lóxica da democracia, que resposta a unha cidadanía de persoas adultas e informadas.

"O suceso dunha forza política non se mide só polos votos que acade, senón pola capacidade de coalición que teña, que incrementará a súa influencia social e institucional".

Os partidos que laian seguido por eses supostos (e falsos) pactos entre perdedores máis ben haberían mirar a súa falla de aptitude para chegar a acordos postelectorais con outras forzas. Porque o suceso dunha forza política non se mide só polos votos que acade, senón pola capacidade de coalición que teña, que incrementará a súa influencia social e institucional.

Tamèn é verdade que un pequeno partido que quitara un só concelleiro co 5,5% dos votos habería medir se os seus electores lle deron mandato para partillar un goberno ou máis ben para medrar dende a oposición ou dende o control ao goberno e o seu apoio puntual, no seu caso. Mais isto xa pertence á estratexia interna desa forza política. 

Comentarios