Opinión

Non hai fronteiras?

Cómpre decatarse da potencia que acadou a iniciativa popular a respecto do tema Terra de Tanxugueiras para representar o Estado en Eurovisión e mesmo para gañala. Mesmo -ou nomeadamente- dos que nunca estivemos pendente do Eurovision Fest. O pobo é quen máis ordena e vivimos unha revolución nas últimas semanas canto á reivindicación da  lingua e produción musical galegas. Porque Tanxugueiras construé dende a fusión entre a nosa tradición musical e os elementos modernos e internacionais que elas mesmas escollen para construír a súa proposta.

Neste contexto, a proposta das Tanxugueiras é atómica, porque foi quen de tirar de ducias de milleiros de galegos (e doutros cidadáns do Estado, seica na súa meirande parte dos territorios e nacións con linguas de seu) para reivindicar a súa lingua, cultura e música. 

Mais nesa mobilización popular insírese unha outra demanda: que o Estado español, nomeadamente o seu establishment político, cultural ou mesmo musical, fose quen de recoñecer que a lingua e a música tradicional galegas (ben que moi fusionada con outros elementos que actualizan e potencian a proposta Tanxugueiras) puidesen representar un Estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe que, asemade, fracasa no Eurovision Fest dende o século XX.

Este día vimos como o xurado de cinco persoas que a RTVE nomeou para esta tarefa excluíu Tanxugueiras da final do sábado 29-X, con graves sospeitas a respecto das tres persoas españolas do xuri, tanto polos seus vencellos con outros concursantes como por unha posta en escea ben agresiva a respecto das que sempre foron as gañadoras na democracia do público.

De seguro que Tanxugueiras compite -e ha competir- esta noite con esa España que acredita ser unilingüe, unicultural e uninacional. Ao mellor sen se decatar que está dirixida en todos os seus ámbitos por un deep state que tamén existe no mundo cultural, musical e do espectáculo. Porque a loita non é só cunha lingua galega prohibida de facto para representar España, senón cun establishment musical que non acredita na música que se fixo, fai e fará na nosa Galicia. Nin na súa evolución no próximo pasado nin no próximo futuro.

Quizais este domingo constituirá un abrente para que loitemos sempre por obter o mellor recoñecemento aos produtos culturais galegos na escena internacional, mais para ir recoñecendo que, neste Estado español no que vivimos, o que cómpre é recoñecermos o valor destes produtos na propia Galicia, albiscando un mercado europeo e internacional para eles, ao mellor, sen ter que pasar -por forza- pola España.

A arrincadeira: O xuri caciquea o fallo do Benidorm Fest

Tanxugueiras gañou por malleira no voto popular (25% da avaliación) e do xuri demoscópico (25%, a medio dun colexio de 350 persoas supostamente  representativas da pluralidade social), mais ficou de terceira pola cacicada do xuri da RTVE (50%), que, avaliáandoa como quinta, determinou a súa imposibilidade para acadar a remontada polo voto popular e do xuri demoscópico. Unha cacicada que define a casposidade, limitación mental e falla de recoñecemento á pluralidade e calidade musicais de RTVE e do establishment español do espectáculo de onde se escolleu a maioría do xuri. Cumpriría investigar as supostas conexións con Chanel dalgunha das tres representantes españolas do xuri, seguindo informacións aínda non abondo contrastadas.

Comentarios