Opinión

Un modelo depredador e dependente

Galicia habería ser o país europeo máis favorábel ao investimento exterior e onde máis doado fose crearmos unha empresa. Claro é, sempre co pleno respecto á normativa laboral, ambiental e fiscal vixente. O Goberno Feijóo, ao longo destes oito anos e medio, caracterizouse polo seu desleixo no eido da promoción empresarial e pola ineficiencia das poucas medidas de política económica adoptadas, como lle recoñecerán a vostedes en privado ducias de emprendedores galegos. 

A proposición de lei do PP de fomento de iniciativas empresariais non é un instrumento para o desenvolvemento económico sostíbel, senón para un modelo económico depredador, de actividades extractivas que non continúan co remate do proceso produtivo na Galicia. Deste xeito, a proposta favorece os grandes proxectos empresariais dos grandes grupos estatais e multinacionais nos sectores eólico, mineiro e forestal, en claro prexuízo das pemes galegas. A Consellaría de Economía e Industria será a competente para a autorización destas actividades e os informes das Administracións ambiental, hidráulica, de patrimonio histórico, agroforestal ou pesqueiromarisqueira de Galicia non serán obrigatorios para resolver. Para estes grandes grupos será moito máis doado expropiar por causa de interese social no suposto de non poder mercar os terreos precisos para a súa actividade no baixo prezo que sinalen.

A proposición de lei do PP de fomento de iniciativas empresariais non é un instrumento para o desenvolvemento económico sostíbel

 

O PP evitou tramitar esta norma a medio dun proxecto de lei do Goberno, precisamente para evitaren os trámites de información pública e de participación da sociedade civil que esixe a lexislación vixente. Velaí o seu trámite como proposición do seu Grupo Parlamentario, para garantiren unha aprobación express, sen  debate social,  sen que poidamos tomar conciencia da gravidade desta reforma para os intereses da maioría social galega.

Oriéntase ao territorio á produción enerxética, mineira ou forestal en beneficio de grandes grupos foráneos e sen que o País reciba contraprestación ao prexuízo que sofrirá no ambiente, no equilibrio territorial e na multifuncionalidade do noso medio rural. Sométese a nosa economía aos intereses das elites extractivas españolas e afóndase na liña dependentista de recentralización e explotación de recursos que esas elites queren para Galicia co apoio entusiasta do Presidente Núñez Feijóo.

Comentarios